Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Decenas de embarcacións tradicionais remontaron o río Ulla dende Valga ata a vila rosaliana na novena ‘Inchadiña branca vela’ en honor a poetisa // Palmou foi dintinguido Peregrino de Honra e recibiu o Padrón, Berce do Xacobeo TEXTO S. Elvira

Unha travesía poética conecta o mundo cultural, político e do mar

Padrón vive un fin de semana cargado de actos lúdicos e culturais ca celebración este sábado do Día do Peregrino e a chegada da travesía marítimo-poética Inchadiña branca vela, ca que xente da cultura, a política e o mar rende homenaxe a Rosalía de Castro. Ademais, vívense as festas do Santiaguiño do Monte.

Así, as embarcacións tradicionais chegadas de distintos puntos do país partiron dende o veciño concello de Valga ata Padrón remontando o Ulla. Subirán o río quince embarcacións chegadas das rías de Vigo, Pontevedra, Arousa e Ribadeo, ademais da Guarda. Gamelas, galeóns, un volanteiro, unha buceta, un carocho, un bote de Ribadeo e dornas de distinto tipo, chamadas pola Fundación Rosalía de Castro e a A.C. Dorna da Arousa, non quixeron perder esta travesía.

Centos de persoas agolpábanse a ambos lados do río para dar a benvida ás chamativas embarcacións, entre as que non faltaba o Pirueiro co rostro de Rosalía. Na navegación non faltou o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, acompañado do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, entre outras autoridades.

Esta actividade, que se celebrou por primeira vez en 2013 para conmemorar o 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos, xurdiu como iniciativa das xentes da cultura marítima para honrar a unha autora que no libro xa falaba das dornas que subían Ulla arriba.

Por outra banda, o alcalde de Padrón entregou pola mañá a Xesús Palmou, director da Academia Xacobea, o cuarto galardón Padrón, Berce do Xacobeo, que o acredita como Peregrino de Honra. Foi nun acto na igrexa parroquial de Santiago ao que asistiron a familia do homenaxeado; a directora xeral de Turismo e terceira Peregrina de Honra, Nava Castro; os alcaldes de Rois, Ramón Tojo, e de Dodro, Xabier Castro; así como as concelleiras de Festexos de Padrón, María del Carmen Bustelo, e de Turismo de Valga, Malena Isorna, entre outras autoridades.

“Santiago é a meta, o final dos Camiños. Pero Padrón é o berce, o berce do fenómeno das peregrinacións”. Con estas verbas remataba Xesús Palmou o seu discurso de agradecemento polo seu nomeamento como cuarto Peregrino de Honra de Padrón. Un discurso que comezou lembrando a súa experiencia no Camiño. Así, sinalou que “o 26 de setembro de 2009, ás nove da maña, miña dona e máis eu e outros amigos partíamos da porta da igrexa parroquial de Santiago cara a catedral. Despois virían o Francés, pola variante Navarra e por Jaca, o Primitivo, e o de Fisterra. Logo virían os tempos de reflexión, e de aí nacería a Academia Xacobea, que teño a honra de presidir”, dixo.

Previamente, o alcalde suliñou que “hai moitos motivos que xustifican que Xesús Palmou sexa nomeado Peregrino de Honra neste 2021” , facendo referencia aos seus artigos e colaboracións, “nas que sempre afirmou que Padrón está na xénese da cidade de Santiago e de todo o que acontece tras o descubrimento dos restos do Apóstolo”.

O Padrón, Berce do Xacobeo é un galardón creado en 2017 polo Concello para homenaxear a figura do peregrino, en xeral, personificado nunha figura relacionada co Camiño. Nas tres edicións anteriores foron distinguidos o locutor Pepe Domingo Castaño, o estudoso do Camiño Manuel Garrido e a directora de Turismo, Nava Castro.

Palmou (Rodeiro, 1949) é un avogado e político cunha longa traxectoria tanto a nivel local (foi concelleiro e tenente de alcalde da Estrada) como autonómico, onde ocupou a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (1996). Presidente de Sogama entre 1996 e 1998, volveu á Consellería de Xustiza entre os anos 2003 e 2005. Medalla do Mérito ao Servizo da Avogacía, na actualidade preside a Academia Xacobea.

“a distinción terá un lugar preferente no meu corazón”

O novo Peregrino de Honra padronés, Xesús Palmou, dixo sentirse especialmente honrado de recibir esta distinción, “que ocupará un lugar preferente no meu fogar e tamén no meu corazón”. Insitiu en que “Padrón está nas orixes, segundo a tradición. Aquí podemos contemplar reliquias tan importantes como o Santiaguiño do Monte, onde predicou o Apóstolo, o Pedrón e a Traslatio, que fai que moitos peregrinos que chegan a Santiago viaxen tamén a Padrón”.

25 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.