Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Vákner reaviva as lendas, mitos e historias da Costa da Morte

Dumbría acollerá o día 28 o primeiro festival dedicado ao monstro do Camiño // Lúar na Lubre, Víctor Manuel, Ismael Serrano e Carlos Goñi porán a música

A Deputación da Coruña apoia ao Concello de Dumbría na celebración da primeira edición do Festival Vákner, un encontro musical e cultural que xirará en torno ao monstro lendario que se apareceu a un bispo armenio cando peregrinaba cara a fin da terra.

O evento, que terá lugar o vindeiro 28 de maio, foi presentado na sede da institución provincial, nun acto no que participaron o presidente da Deputación, Valentín González; o vicepresidente, Xosé Regueira; o alcalde de Dumbría e deputado provincial José Manuel Pequeño; e Bieito Romero, líder de Luar na Lubre. Tamén asistiron representantes dos concellos polos que pasa o Camiño a Fisterra- Muxía, do Clúster de Turismo, Costa da Morte Asociación Turística e Solpor, entre outras, ademais do grupo Luar Na Lubre, que deleitou ao público cunha canción sobre o encontro de Mártiros coa figura do Vákner.

Valentín González subliñou que o festival será respaldado pola Rede Cultural provincial, “unha ferramenta que desde hai máis de trinta anos, deste esta casa, permite que a cultura chegue a todos os recunchos da provincia, harmonizando e homologando un mínimo de presenza cultural nos 93 municipios”.

Incidiu en que “se este festival encaixaba en algún sitio da provincia, era na Costa da Morte” e destacou a recuperación de lendas, historia e mitos a través da iniciativa.

Pola súa banda, o alcalde de Dumbría José Manuel Pequeño, explicou que o Festival Vákner é “un acontecemento histórico e fundamental para a Costa da Morte, é arte, cultura, lendas, historia, economía e turismo”. Na súa intervención argumentou que a “Rede Cultural está impulsando aos Concellos a facer actos deste tipo, dándonos a vida para facer actividades culturais durante todo o ano, facendo un labor de promoción turística tamén”.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira tamén manifestou que o encontro “vai reforzar o itinerario de fin do Camiño, diversificando os recursos. E iso é o que ofrece Dumbría, a diversificación a través da cultura”.

Pola súa banda, Bieito Romero, líder de Luar na Lubre, agradeceu a aposta da Deputación e o Concello polo festival e afirmou que “o recurso do Vákner vai ser unha marca e reclamo turístico moi importante para a zona e tamén para Galicia”, facendo unha comparativa co monstro do Lago Ness.

O encontro contou coa actuación da agrupación e tamén cun vídeo de presentación do festival. Luar na Lubre será cabeza de cartel do I Festival Vákner, que comezará ás 11.00 horas no Marco do Couto, en Dumbría. No encontro participarán verdadeiros monstros da música como Luar na Lubre, Víctor Manuel, Ismael Serrano, Alexandra Suárez, Gaiteiros de Buxantes e, o último confirmado, Carlos Goñi, líder do grupo Revólver. O concerto será gratuíto, aínda que para acceder haberá que coller entradas na páxina web www.ataquilla.com ou nas dependencias do Concello.

Esta proposta busca recuperar o patrimonio inmaterial do Camiño a Fisterra e Muxía desde Santiago de Compostela. Nesta primeira edición tamén se inaugurará a escultura de Vákner, de cinco metros de altura, que foi elaborada por Cándido Pazos.

03 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.