Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O turismo de moda elixiu o espazo fluvial de Vilarello para celebrar encontro e concentración que congregou a un cento destes vehículos // Visitaron os recursos turísticos, como a Mina Mercedes ou o Belén Artesanal en Movemento TEXTO S. E.

Valga converteuse na capital das autocaravanas a fin de semana

O espazo fluvial de Vilarello, no municipio pontevedrés de Valga, converteuse a pasada fin de semana en epicentro do turismo de moda, ao acoller a concentración e encontro dun cento de autocaravanas.

Convocados pola Asociación Galega de Autocaravanas (AGA), os vehículos turísticos comezaron a chegar a Vilarello na tardiña do sábado quedando estacionados nos arredores da área de servizo habilitada hai tempo polo Concello para tratar de potenciar no municipio este tipo de turismo.

Segundo explicaron os responsables municipais, o espazo reservado para as autocaravanas abarca dende a zona de aparcamento da praia fluvial ata parte dos camiños paralelos á vía do ferrocarril, tanto en dirección ao lugar de Vilar como cara Campaña.

Durante a xornada do sábado os participantes na concentración estiveron a coñecer Valga e os recursos turísticos que ofrece aos visitantes. Ademais de gozar do fermoso entorno de Vilarello, pola mañá realizaron unha andaina a outra das principais zonas de esparexemento da vila: a Mina Mercedes.

PERCORRIDOS Así mesmo, os vehículos participantes percorreron os sendeiros e paseos que circundan a lagoa –a maior de orixe non natural da provincia de Pontevedra, cunha extensión duns 30.000 metros cadrados– e gozaron deste entorno natural que conta con importantes comunidades vexetais e no que abondan, tamén, as poboacións de patos e gansos, entre outras especies de fauna avícola.

Pola tarde, tralo xantar, os autocaravanistas retomaron a súa actividade turística con senllas visitas ao Museo da Historia e ao Belén Artesanal en Movemento. No Museo foron recibidos pola técnica responsable das instalacións, Vanessa Losada, que lles explicou os aspectos máis salientables do territorio, o patrimonio e a cultura de Valga, destacando figuras coma as de Xesús Ferro Couselo ou a Bella Otero.

No Nacemento de Campaña, os asistentes puideron gozar coa montaxe da Asociación Amigos do Belén, que conta con arredor de 4.000 figuras feitas todas de xeito artesanal e na que escenas propias da tradición de Nadal comparten protagonismo con paisaxes e costumes galegas e acontecementos e persoeiros de relevancia a nivel local, nacional e mundial.

A concentración de autocaravanas continuou o domingo cunha reunión de socios de AGA no auditorio municipal de Valga.


PEREGRINOS
MUSICAIS. Por outra banda, Valga é unha das sete localidades galegas nas que se desenvolve a XI edición do Festival Peregrinos Musicais que ten programados dous eventos para os vindeiros días no auditorio.

O primeiro concerto terá lugar este xoves, día 16, e estará protagonizado por seis xóvenes promesas que son os finalistas do concurso internacional Peregrinos Musicais.

As actuacións darán comezo ás 22.30 horas e correrán a cargo de Sira Pellicer (saxofón), Xurxo Morales (saxofón), Alberto Sanz (violín), Emma Naegele (cello), Maddi Arriola (violín) e Alexandre Arurtyunyan (violín). Interpretarán obras de Chopin, Wieniawski e Tchaikovsky, entre outros, co acompañamento ao piano de Brais González.

A segunda actuación será o luns 20, tamén a partir das 20.30 horas. Subirán ao escenario o cuarteto holandés Matangi e a recoñecida pianista Ilona Timchenko, con máis de 20 premios ao longo da súa traxectoria e que actuou coas orquestras máis prestixiosas de Europa. É, ademais, mestra do Centro Superior de Música de Valga. As entradas teñen un prezo de entre 6 e 9 euros.

14 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.