Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A oitava edición do concurso gastronómico terá dúas fases, a primeira este sábado e domingo e a segunda a vindeira fin de semana // Participan sete establecementos TEXTO Brais Fdez.

Valga inicia a Festa da Anguía coa ruta de tapas

Con motivo da celebración, un ano máis, na última fin de semana de agosto da tradicional Festa da Anguía e da Mostra da Caña do País de Valga, o concello dará comezo ás actividades lúdicas coa primeira das dúas entregas da súa tradicional ruta-concurso de tapas, na que participan sete establecementos da localidade.

Nesta trixésimo primeira edición dos festexos, afectados de novo pola evolución da pandemia da covid-19, os organizadores adaptaron os actos ás medidas marcadas polas autoridades sanitarias, os cales están marcados, como non podía ser doutra maneira, pola temática gastronómica.

Deste modo, abrirase esta tempada festiva mantendo a tradición dos petiscos, a cal xa cumpre a súa oitava edición, dado que conta cun enorme éxito tanto entre a poboación local como entre todos aqueles que visitan o municipio nestas datas de verán.

Na VIII Ruta-Concurso Tapa á Anguía, na que todas as elaboracións teñen como protagonista a este peixe típico do Río Ulla, participan sete establecementos de hostalería da localidade. Neles, os visitantes poderán degustar os petiscos, realizados de maneiras moi diferentes, de forma gratuíta coas consumicións.

Neste senso, os interesados en degustar este delicioso produto poderán facelo nos seguintes establecementos, indicándose ademais a tapa coa que participan no concurso: Bar Pardal, tosta de anguía con tomate; Cafetería Caprichos, hamburguesa de anguía; Bar Maneiro, empanada de anguía con pementos; Bar Potel, anguía á cazola; Café-bar Couceiro, tosta de anguía ao estilo Couceiro; Cafetería Auditorio, pote de anguía; e Praia fluvial de Vilarello, empanada de anguía.

A ruta celébrase durante as fins de semana, cunha primeira entrega que terá lugar mañá e pasado e unha segunda para o 28 e 29 de agosto, datas centrais da festividade. Os horarios para a degustación serán nas xornadas dos sábados, das 12.00 ás 15.00 e das 20.00 ás 23.00 horas, mentres que os domingos só estará dispoñible ao mediodía, das 12.00 ás 15.00.

No que respecta ao apartado de concurso, este será solo esta primeira fin de semana. Neste senso, durante os dous días, os clientes dos bares participantes poderán votar pola súa tapa preferida. Como recoñecemento, haberá premios para as tres elaboracións máis votadas, cuxos cociñeiros recibirán os mandís de Ouro, Prata e Bronce, respectivamente. Ademais, un xurado composto por profesionais do sector outorgará un galardón único. Neste caso, a tapa elixida servirase na festa do vindeiro ano 2022. Por último, entre todos aqueles que participen co seu voto, sortearanse uns vales de compra.

A entrega de todos os premios celebrarase na última data da festa, o domingo 28, a partir das 21.00 horas no Parque Irmáns Dios Mosquera.

20 ago 2021 / 00:05
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.