Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Valga rivalizou con Turín co seu festival de Eurovisión

Ao Festivalga, organizado polo CRA, presentáronse este ano trinta e un vídeos con actuacións imitando ao mítico certame

O auditorio municipal de Valga nada tivo que envexar este martes ao Pala Alpitour de Turín. Bandeiras de todos os países participantes e un público entregado recibiron a Adrián Baloira e Antía Piñeiro, director e secretaria do CRA de Valga, que exerceron de presentadores da gran gala final do Festivalga Eurovisión, na que se visualizaron todas as actuacións participantes e se fixo entrega dos premios ás mellores interpretacións musicais.

Nesta edición, a terceira, o festival bateu o seu récord de participación, con 31 vídeos imitando actuacións de Eurovisión, Eurojunior ou da preselección do Benidorm Fest. As actuacións foron publicadas nas redes sociais do CRA de Valga e abriuse unha votación popular, ademais de nomearse un xurado profesional composto por profesorado das escolas valguesas.

Centros de ensinanza e familias de Valga, pero tamén de Padrón, Teo, Rianxo, Ames, Ribadumia, Ponteceso, Vigo... A participación foi do máis heteroxénea e demostra que o Festivalga, que naceu en 2020 para axudar a soportar os momentos máis duros do confinamento, está cada vez máis afianzado e consolidado. Como anécdota, sinalar que nunha das actuacións participa unha valguesa de 99 anos de idade e a repercusión das imitacións chegou incluso a varios dos artistas orixinais. Tanxugueiras, Lucía Pérez e Geno Machado, de Operación Triunfo, interactuaron co CRA de Valga a través das redes sociais.

A gala contou con actuacións a cargo do alumnado do CRA. A escola de Campaña interpretou Antes muerta que sencilla, canción coa que María Isabel gañou Eurojunior en 2004. Os nenos de Chenlo representaron Canta y sé feliz de Peret (1974) e os de Ferreirós imitaron á galega Lucía Pérez co seu Que me quiten lo bailao (2011).

18 may 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.