Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Valga xa ten o cartel para anunciar a súa Festa da Anguía e Mostra da Caña do País

Trátase dunha obra realizada con témperas pola moza Alexandra Bandín // Houbo un segundo galardón para Lois Tasende e un terceiro para Noa Piñeiro // Repartíronse un total de 225 euros

A Festa da Anguía e Mostra da Caña do País xa ten cartel anunciador: unha obra feita con témperas pola moza Alexandra Bandín Gómez que será a imaxe da XXXII edición da festa, declarada de Interese Turístico de Galicia.

A obra, que se presentou baixo o lema En Valga, anguía e caña, o melloriño de España, ten como elemento central un alambique de destilación da caña, no que aparecen enroscadas varias anguías. O nome da festa inclúese dentro dunha botella de caña e un cartel sinala o lugar das celebracións: o parque Irmáns Dios Mosquera.

O segundo premio foi para Lois Tasende Gómez, que presentou un debuxo pintado con ceras no que unha anguía serpea sobre outros lugares, personaxes e elementos tradicionais de Valga, como un alambique, a Bella Otero ou a Casa do Concello. Por último, o terceiro premio outorgouse a Noa Piñeiro Caamaño, cunha obra na que representou unha anguía suxeita unha botella de caña.

Entre os tres premiados repartiranse un total de 225 euros (100, 75 e 50 euros, respectivamente), en vales de compra que poden ser empregados en establecementos comerciais de Valga.

O xurado estivo presidido pola funcionaria do Concello María José Devesa e actuou como secretario o técnico do Museo da Historia, Santiago Chenlo. Os vogais foron os edís de Cultura e de Turismo, Pedro Calvo e Malena Isorna.

As bases establecían que os traballos que concorreran ao concurso -recibíronse un total de catro- tiñan que facer referencia aos produtos postos en valor na festa, a anguía e a caña, ou a elementos esenciais nos procesos de obtención dos mesmos.

Non se establecían limitacións de técnicas a empregar na elaboración das obras, pero si debían estar elaboradas sobre algún soporte bidimensional (lenzo, cartolina, papel...), incluír obrigatoriamente o escudo do Concello e o texto XXXII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. Agosto 20, 21, 26, 27 e 28.

TAPAS. Hai que lembrar que no marco da festa terá lugar a novena edición da Ruta-Concurso Tapa a Anguía. Participan un total de dez establecementos e o Concello será o encargado de facerlles chegar a anguía xa limpa para que poidan preparar os petiscos.

A ruta prolongarase durante as dúas últimas fins de semana do mes de agosto. O apartado de concurso celebrarase unicamente os días 20 e 21, mentres que na seguinte fin de semana (días 27 e 28) tan só haberá degustación. Os petiscos serviranse de balde coas consumicións os sábados en horario de 12.00 a 15.00 e de 20.00 a 23.00 e os domingos de 12.00 a 15.00 horas. O público decidirá cos seus votos cales son as mellores tapas e, polo tanto, os locais gañadores dos Mandís de Ouro, Prata e Bronce. Para poder participar é preciso reunir os selos dos bares participantes.

comarcas@elcorreogallego.es

17 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.