Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Valorizan as postas de sol no Camiño unindo ciencia, tecnoloxía e audiovisuais

O proxecto Solpor achegará virtualmente a todo o mundo os últimos raios dende Fisterra e Santiago // Crearán un arquivo que complementarán con artigos científicos

Valéndose da tecnoloxía, o audiovisual e a ciencia naceu o proxecto Solpor coa fin de valorizar a figura do Sol no Camiño de Santiago. Un reto que asumiu a empresa Wireless Galicia, que conta coa colaboración de Luzlux, o asesoramento do catedrático de Física Aplicada da USC, Jorge Mira, e a financiación da Xunta de Galicia a través do programa O teu Xacobeo.

A idea é abrir unha nova porta ao mundo, na que o Sol, ente de cultura para os nosos antepasados que perdura dende a noite dos tempos, eríxese coma recurso turístico e patrimonial de primeira orde, afirman os promotores.

Xurxo Cegarra, socio fundador de Wireless Galicia, asegura que, aproveitando a experiencia acumulada en iniciativas de promoción turística e inspirados polos artigos de divulgación científica de Jorge Mira, decidiron retransmitir os solpores tomando como punto de partida do seu proxecto o cabo Fisterra, “un lugar no mundo onde o Sol adquire unha dimensión máxica, auténtico emblema da Costa da Morte e do Camiño de Santiago. Fin da terra para o imperio romano”.

Con esa idea puxéronse a traballar no ano 2020, apostando pola calidade e dándolle ao proxecto unha dimensión divulgativa que vai máis aló da posibilidade de desfrutar virtualmente das postas de sol. A idea, segundo Cegarra, “é facer un arquivo e afondar na divulgación a través de artigos científicos”, ao tempo que a iniciativa contribúa á promoción e posta en valor do Camiño de Santiago.

Por iso, este ano puxeron en marcha Solpor 4.0, un proxecto que permitiu crear un novo punto de observación no Albergue Seminario Menor de Santiago de Compostela, situado no alto do barrio de Belvís, “un dos lugares máis emblemáticos da cidade no que observar a posta do sol, que ofrece marabillosas vistas do centro histórico de Compostela e da catedral”, afirma Xurxo Cegarra.

Gracias a estes proxectos xa é posible contemplar e desfrutar desde calquer parte do mundo dos solpores dende dous dos enclaves máis significativos do Camiño: Santiago e Fisterra. Sempre que as condicións climatolóxicas o permitan, os interesados poden contemplar os últimos raios en riguroso directo a través de Internet, e tamén en diferido a través de vídeos, timelapses, fotografías e artigos divulgativos.

Unha fiestra con vistas ao sol que está dispoñible a través do portal solpor.eu e das redes sociais Facebook, Youtube, Twitch e Instagram.

A iniciativa será presentada de xeito oficial este sábado na fin da terra, nun acto no que participarán os alcaldes de Fisterra, José Marcote, e Carnota, Juan Manuel Saborido; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o xerente do hotel O Semáforo, Jesús Picallo; e Xurxo Cegarra, de Wireless Galicia.

Darán a coñecer o traballo feito nestes dous anos e tamén os retos de futuro, pois a idea é seguir sumando solpores incluso máis aló de Galicia, coma os do Cabo da Roca ou de Noruega, segundo indicou Xurxo Cegarra. O obxectivo é facer máis accesibles as postas de sol, aínda que para iso teñan que botar man de todo o inxenio tecnolóxico, como xa tiveron que facer para levar os raios de Fisterra ata a rede, xa que ata o cabo aínda non chegou a fibra e tiveron que radioenlazar as sinais ata un punto de banda ancha en Carnota.

17 sep 2021 / 22:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.