Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Negreira fará unha andaina este sábado // Trazo entregou materiais co lema da campaña municipal // En Rois o consistorio tinguiuse de violeta // Boiro gardou un minuto de silencio // A Laracha leu unha declaración institucional TEXTO Ana Pérez

Varias comarcas e un obxectivo: pór fin á violencia machista

Este venres os municipios da área compostelá concentraron forzas para un obxectivo común: erradicar a violencia cara as mulleres. Ao longo de todo o ano os medios fanse eco de relatos escalofriantes sobre casos de violencia machista. Moitas veces a vítima non sobrevive, e no caso de facelo sofre secuelas físicas e psicolóxicas de por vida.

En Negreira leron nas portas da casa do concello un manifesto no que se avogou por rematar coa violencia de xénero. Este sábado haberá andaina, ás 10.00, dende o sociocultural, e posterior entrega de premios do certame de relatos, vídeos e carteis pola efeméride.

Xa en Brión fixeron o propio, tamén no espazo que existe diante do consistorio, pero ademais sumáronse os alumnos, e nos centros educativos tamén amosaron o seu compromiso nesta loita. E en Ames, houbo acto institucional no Pazo da Peregrina, con lectura de manifesto.

En Rois os actos comenzaron ás 18.00 horas co acendido das luces na casa consistorial que se tinguiude violeta toda a tarde. Despois, ás 18.15 iniciouse a andaina solidaria Camiño ao respecto, que chegou ata o edificio multiúsos, onde tivo lugar a presentación do libro Eutimia, da veciña María Aboy Oubel.

En Trazo presentouse a campaña municipal, entregáronse materiais co lema da mesma, proxectáronse pezas audiovisuais e entregáronse os premios do certame de vídeos. Tamén en Melide se uniron á loita este venres lendo un manifesto na Praza do Convento ás 12.00 horas. No Pino reivindicáronse con carteis nas dependencias municipais. Vedra fixo unha lectura na entrada da casa consistorial, e en Touro os maiores repartiron xabóns durante a mañá nas rúas de Fonte Díaz e nos diferentes negocios. Os xabóns foron elaborados por eles mesmos nun obradoiro nas últimas semanas. Con esta acción quixeron mostrar a súa loita contra todo tipo de violencia exercida contra as mulleres. Ás 12.00 horas a concelleira de Educación, Cultura e Deportes, Adela Iglesias Tojo, deu lectura na casa da cultura do manifesto do 25N, no que o Concello de Touro “manifestou o seus máis profundo rexeitamento a calquera forma de violencia exercida contra as mulleres”.

No caso dos concellos do Barbanza, en Boiro gardouse un minuto de silencio polas vítimas da violencia machista e leuse un manifesto colectivo. E na Pobra, o Teatro Elma acolleu un videoforum no que se proxectaron as curtametraxes El orden de las cosas, Libre directo e As mulleres falan. Pola súa parte, Lousame concentrouse na praza Teodomiro Hidalgo.

Xa na Costa da Morte, en Vimianzo desenvolveuse un obradoiro de creación e exhibición de papaventos, ao igual que en Zas, onde nenas e nenos do CPI de Zas e do CEIP Labarta Pose, de Baio, fixeron voar papaventos coa mensaxe Voa alto contra o maltrato. En Malpica a concelleira de Igualdade, Marisol Blanco Gorín, deu lectura a un manifesto institucional e na Laracha, o alcalde, José Manuel López, leu unha declaración institucional, rubricada polos tres grupos municipais, na que se condena todo tipo de violencia. Ademais, gardouse un minuto de silencio polas vítimas desta lacra.

En Muxía, Patri, Eva e Barca, en representación das mulleres deportistas, e o alcalde, Iago Toba, en nome do Concello, deron lectura a un manifesto durante unha concentración á que se sumou o alumnado do IES Ramón Caamaño. Tamén en Cee houbo concentración na Praza 8 de Marzo, na que participaron, ademais da alcaldesa, Margarita Lamela, e concelleiros da Corporación local, membros das asociacións Apem, Aspadex e alumnado do colexio Manuela Rial e dos institutos Agra de Raíces e Fernando Blanco.

No IES Pedra da Aguia, de Camariñas, o alumnado de Oratoria de 3º de ESO leu un manifesto nun acto ao que se sumou a alcaldesa, Sandra Insua, e varios membros da Corporación camariñana. O broche puxérono os alumnos de 2º da ESO entonando a melodía Recoñecéndome, de Guadi Galego.

En Carballo tamén se concentraron na praza, onde se deu lectura a unha declaración institucional do Concello. Pola súa banda, o Concello de Ponteceso organizou a Saída Cultural A Coruña das Mulleres, na que participaron máis de trinta veciñas, xunto coa concelleira de Igualdade, Noelia Varela. Ademais, a ponte da capital municipal foi iluminada coa cor morada. En Cabana, pola súa banda, conmemoraron o 25-N con poesía e música a cargo de Maica Pastoriza, Branca Vilela, Rosalía Fernández e a autora local Matilde Vilariño.

26 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
25N
Zas
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.