Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Vedra comparte as obras de grandes artistas de Galicia

A mostra itinerante ‘Quentiños da Forxa’ está na vila ata o 11 deste mes, logo viaxa a Bandeira

O municipio de Vedra acolle a mostra itinerante Quentiños da Forxa, que estivo xa exposta con grande afluencia de público en xeral e dos amantes das artes en particular nas localidades de Lalín e Rodeiro.

A exposición poderá verse no centro sociocultural do municipio vedrés todos os días da semana en horario de 17.00 a 21.00 horas. Na inauguración da mostra, na cal participaron o alcalde da vila, Carlos Martínez, a presidenta da Fundación Paco Lareo, Carmen Lareo, e o tenente alcalde de Vila de Cruces, Julio López, púxose de manifesto a necesidade de achegar a cultura ao rural, de xeito que o propio alcalde de Vedra expresou o seu agradecemento á Fundación “por levar estas obras de autores tan reputados a locais lonxe das grandes cidades, onde a xente puidera contemplalas”.

Así mesmo o rexedor fixo unha mención especial a Delio Rodríguez, un dos pintores que forma parte de dita mostra e que leva moitos anos sendo mestre de pintura en Vedra e noutros lugares da súa contorna, o que dalgún xeito tamén vencella a Quentiños da Forxa coa localidade.

A presidenta da Fundación Carmen Lareo puxo en valor o feito de achegar a exposición a un concello onde “a actividade cultural é moi ampla e interesante, o que fai da mesma un sitio onde expoñer se volve máis sinxelo ao existir tanto no equipo de goberno como na súa poboación unha especial sensibilidade por facer aquelo polo que o artista cruceño Paco Lareo loitou toda a súa vida, facer cultura dende o rural e para o rural”, apuntou.

ARTISTAS. Laxeiro, Sucasas, Quintana Martelo, Paco Pestana, Manolo Moldes, Wily, Álvaro Negro, Guillermo Aymerich ou Antón Lamazares son algúns dos nomes que adornarán dende este venres as paredes do centro sociocultural de Vedra. A mostra estará aberta ata o 11 de outubro, logo do cal viaxará ata a localidade pontevedresa de Bandeira, para desprazarse posteriormente a Santiago de Compostela e pechar a viaxe no concello natal do artista Paco Lareo, Vila de Cruces. A exposición percorre así un itinerario coincidente co Camiño de Inverno e que da carácter á mesma, precisamente financiada con cargo ao programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia e que conta así mesmo coa colaboración do Concello de Vila de Cruces e nesta estadía co apoio do Concello de Vedra.

Quentiños da Forxa non é un nome escollido ao azar, senón que pretende reflectir o agarimo co cal os autores facían chegar as súas obras a Paco Lareo, e incluso retratar e referenciar moitas das presentadas, xa que parte das mesmas foron creadas na propia forxa de A Solaina ao carón de Paco Lareo.

Aqueles amantes da boa arte que non poidan achegarse ás diferentes estadías da exposición poderán seguir a mesma no perfil de Facebook do mesmo nome, e desfrutar das obras expostas na páxina www.quentiñosdaforxa.gal.

A través deste sitio web pódese facer un percorrido por cada unha das obras permitindo a aqueles que, por tempo ou medios non poidan desprazarse, desfrutar de Quentiños da Forxa de maneira online, dende a comodidade das súas casas.

02 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.