Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Vedra e Agaca participaron como socios españois no Entering the Gig Economy

O proxecto, financiado polo programa Erasmus+, busca crear alianzas para abordar riscos e oportunidades de autoemprego

O Concello de Vedra e a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) foron os socios españois do proxecto Entering the Gig Economy, financiado no marco do Programa Erasmus+ e liderado polo Consello do Condado de Meath (Irlanda).

O obxectivo principal do proxecto, desenvolto nos dous últimos anos e cuxos resultados vanse presentar o 24 de marzo no centro de emprendemento A Estación de Vedra, é crear alianzas para abordar riscos e oportunidades do autoemprego e capacitar ós mozos e mozas que queiran ingresar neste mercado. Participaron entidades de Italia e Países Baixos.

O proxecto comezou o un de setembro de 2019 e desenvolveuse ata o 28 de febreiro de 2022. Neste tempo tense creado un sitio web (enteringthegigeconomy.eu) con noticias relacionadas co mencionado proxecto e información sobre a economía Gig.

A pesar da imposibilidade de viaxar debido á pandemia de coronavirus, continuaron a traballar de forma asidua no desenvolvemento do proxecto. Para estar en permanente contacto, levaronse a cabo varias reunións virtuais de traballo cada mes. Deste xeito, téñense realizado avances importantes en canto aos diferentes produtos intelectuais previstos no marco da iniciativa, como a campaña de información e o programa de formación.

A campaña de información sobre a economía Gig, desenvolvida a través da ferramenta Pearltrees.com, estará dispoñible en catro idiomas (español, inglés, italiano e holandés) e incluirá información clave sobre a economía Gig e os seus principais aspectos.

Os primeiros materiais poden encontrarse no sitio web do proxecto e axiña tamén estarán dispoñibles en español. Os recursos conteñen exemplos concretos que resultarán útiles para persoas que queren traballar neste campo.

Outro produto, o programa de formación para principiantes no mercado laboral e solicitantes de emprego, céntrase no uso dunha metodoloxía de investigación. Cada un dos socios do proxecto identificou boas prácticas e historias de éxito.

PROGRAMAS. Identificáronse 17 programas, como actividades de emprendemento e mentalidade emprendedora, xogos online ou vlogging profesional, entre outros. Ademais, os socios entrevistaron ós grupos obxectivo e stakeholders sobre os potenciais riscos e vantaxes da economía Gig. En total, realizáronse 24 entrevistas con cámaras de comercio, traballadores da Gig, consultores de proxectos da UE, avogados, universidades, escolas, autoridades locais e rexionais ou traballadores xuvenís. Os resultados mostran que esta forma de emprego debería apoiarse e promoverse máis, entre as persoas mozas, en tempos de pandemia como o actual, cando hai cambios significativos no mercado laboral.

Como parte do proxecto, tamén se creou o Grupo de Referencia, que consta de profesionais, expertos e responsables da formulación de políticas e decisións en cada país socio para apoiar a execución do proxecto. “A nosa rexión está representada por dez expertos da USC, EFA Galicia, Xunta, Confederación de Empresarios da Coruña e outros. O grupo contribúe á avaliación da calidade do proxecto e ás actividades de difusión, e brindará retroalimentación aos socios”, explican.

18 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.