Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
As propostas do Pasatempo de Verán continúan este mes coas Tardiñas Mozas e
a visita da investigadora Natalia Barreiro // A última está prevista para o día 11 de setembro // Teñen aforo limitado e hai que anotarse previamente TEXTO C. Estévez

Vedra: espectáculos, deporte e cine nos meses de máis calor

Vedra está a vivir un verán cargado de propostas para todos os públicos. Unhas actividades que dende logo conseguen dar un punto de normalidade á situación actual e que fan que a veciñanza se esqueza un pouco do verán pasado e reciba este con gañas e ilusións renovadas. A pasada fin de semana estivo ateigada de citas culturais e deportivas enmarcadas no Pasatempo de Verán. A parroquia de San Fins de Sales foi a encargada de dar cabida o pasado venres ao concerto de de Xoan Curiel e Charo Pita Canta miña Pedra Canta . Tamén foi singular a actividade Anda ca Requinta, que consistiu nin máis nin menos que nunha andaina coa que se percorreu unha etapa do camiño Miñoto-Ribeiro dende a parroquia vedresa de Sarandón ata Compostela, acompañada pola música das agrupacións A Gaita de Sarandón e A Requinta da Laxeira. A xornada rematou cun concerto de ambas agrupacións que se desenvolveu na Praza da Quintana. Asemade a xornada dominical estivo marcada pola música da Banda de Música de Santa Cruz de Ribadulla, que celebrou o seu XVIII Festival de Bandas do Patio, onde compartiu protagonismo coa Banda de Música de Rianxo.

O Pasatempo continúa. A vindeira actividade está programada para mañá: as Tardiñas Mozas-Quedada Xove. Será de 18.00 a 20.30 horas na contorna do pavillón polideportivo e está dirixida a nenos de entre 12 e 18 anos. Pola noite, ás 22.00 horas, o campo da festa de San Miguel de Sarandón recibirá a Natalia Barreiro Piñeiro, unha investigadora que participou na vacina galega contra o coronavirus.

Para o 16 toca espectáculo familiar no campo da festa de Illobre. Ás 21.00 horas pais, nais e cativada poderán gozar de Saaabor! Xa ao día seguinte, toca cambiar de temática. Neste caso o Concello ten preparada unha actividade de bailoterapia e convida a participar a toda a veciñanza ao tratarse dunha actividade interxeracional. A xornada de actividade física desenvolverase na área recreativa do Campo de Gundián, de 10.00 a 11.00 horas. Ese mesmo día, hai tamén a posibilidade de animarse a participar nunha ruta de piragüismo polo Ulla (de Subeira a Agronovo). A actividade está dirixida a maiores de 13 anos e ten un prezo de 18 euros por persoa.

Para o 20 están previstas as Tardiñas Novas-Decoración natural. O 22 volven as Tardiñas Mozas-Quedada Xove á contorna do pavillón polideportivo. Xa o 23 toca noite de cine. Emitirase Bruxerías no campo da festa de Trobe. O 24 os vedreses teñen cita co pilates na área recreativa de Agronovo (10.00 a 11.00 horas). O 25 toca música con Ghazafellos no campo da festa de Ponte Ulla. Para o 27 desenvolverase unha xinkana no marco das Tardiñas Novas; o 29 toca Tardiñas Mozas e o 30 noitiña de canto e pandereita con Silandeira, Dedaleiras e Campiñas. Xullo pechará con bailoterapia e cunha ruta nocturna en bicicleta polo Camiño Miñoto-Ribeiro.

Agosto arrancará o 3 coas Tardiñas Novas, continuará o 5 coas Tardiñas Mozas e o 6 co espectáculo infantil Cirkote. Continúarán as Tardiñas Novas ( 10 de agosto) e as tardiñas mozas (día 12). O 13 toca teatro e a Noite de Acampada Moza. Volve o piragüismo o 14 e a acampada o 19. Manoele de Felisa estará o 21 no Campo da Festa do Santiaguiño; o 26 toca cine con El Cano e Magallanes, o 28 escalada e o 11 de setembro está prevista unha andaina pola Vía da Prata e polo Camiño de Inverno. Un percorrido que contará coa música da Banda de Santa Cruz.

Son todas de balde, excepto o piragüismo, e o aforo é limitado polo que hai que anotarse na web municipal.

14 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.