Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A Poza do Crego, ubicada na aldea de Outeiro, é un complexo hidráulico que foi fundamental na agricultura tradicional // Ante a preocupación polos traballos de deforestación na zona, o Concello asegura que todo está en orde TEXTO Alba Prada

Vedra: tesouros agochados na paisaxe que precisan protección

A riqueza etnográfica que presentan os concellos da área compostelá nunca deixa de sorprendernos. De feito, ás veces a propia veciñanza non ten constancia dela, ou simplemente non lle dá a importancia que merece polo mero feito de estar acostumada á súa presenza. Estos días, a raíz dun artigo publicado pola Asociación Cultural Colectivo A Rula, a Poza do Crego, ubicada nas proximidades da aldea de Outeiro, na parroquia de San Pedro de Vilanova, en Vedra, tomou protagonismo e saíu de entre as sombras. Estamos a falar, segundo explica o colectivo, dun complexo hidráulico que na agricultura tradicional resultou fundamental para garantir boas colleitas.

“As pozas ou corgos, do latín corrugus, fan referencia aos sistemas de regadío dos antigos predios e, en ocasións, tamén relacionados coa subministración de auga para muíños e lavadoiros. Son sistemas hidráulicos formados por canles ou levadas que conducen a auga dende o manancial ata os corgos ou pozas que a acumulan para, a continuación, distribuíla polas fincas da contorna de forma organizada, seguindo as directrices e normas consuetudinarias fixadas pola comunidade ou polos propietarios afectados”, explica a asociación.

A razón pola cal o colectivo se fixo eco da poza é polo risco que podería correr a causa dos traballos de deforestación que se estan a pór en marcha na zona. O xornalista e investigador Henrique Neira explicoulle a este xornal que se están a levar a cabo tarefas de tala e limpeza na zona de Outeiro con ánimo de plantar viñas, actuacións para as que empregan máquinas pesadas que poderían pór en risco a preservación deste singular elemento. “Chamei ao Concello para comentarlles que debían protexer tanto a Poza do Crego como a mámoa da Quenlla das Medas”, indica Henrique Neira. “Creo que están tomando medidas”, engade ó respecto.

CATALOGACIÓN. Dende o colectivo fixeron fincapé tamén na necesidade de catalogar a poza, aínda que, segundo Neira, xa estaría protexida por lei. “Poremos en coñecemento deste ben e da preocupante situación á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, para que se proceda á súa urxente catalogación e adopte as medidas precisas que garantan a súa preservación”, di o colectivo.

Por certo que, segundo comunicou Henrique Neira, foron varias as casas de Outeiro que se viron afectadas por unha forte tormenta hai unhas semanas. Segundo contou, ao non haber nada plantado, a terra esvarou coa choiva, afectando ás vivendas e tamén a varios tramos do Camiño de Santiago ao seu paso pola aldea vedresa.

CONCELLO. O alcalde de Vedra, Carlos Martínez, indicoulle a este xornal que falaron cos encargados das adegas para que protexesen tanto a poza como a mámoa. “Xa lle fixeron a solicitude a Patrimonio para protexer a mámoa; xa eles eran conscientes, e agora están pendentes da resposta para perimetrar a zona”, sinala. “Respecto á Poza do Crego, xa lles pedimos aos adegueiros que non se actuara alí ata que os profesionais e arqueólogos non a estuden en detalle, algo que se tratará de facer xa nas próximas semanas, e a partir de aí procederemos co que corresponda”, engadiu.

Este xornal contactou co antigo propietario da finca na que se atopa a poza, Manuel Lobato, quen aclarou que a inscrición que se atopa tallada sobre unha pedra non é nin moito menos do século XVII, senón que foi obra de seu pai, que fixo o gravado hai seis ou dez anos.

areadecompostela@elcorreogallego.es

25 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.