Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Viaxan xa gratis por Galicia ca tarxeta Xente Nova 1.160 mozos e mozas do Barbanza

Poden facer 60 rutas en bus ó mes nas 3.100 liñas que xestiona a Xunta // Para ir de Ribeira e Santiago aforran 1.800 € ó ano

Inaya Lema Brión, estudante do IES Leliadoura de Ribeira, está entre os 650 menores de 21 anos deste municipio que teñen a tarxeta Xente Nova, ca que se poden desprazar de balde en autobús por toda Galicia. Teñen dereito a realizar ata sesenta viaxes gratis ó mes en calquera das máis de 3.100 liñas de autobús renovadas que xestiona a Administración autonómica. No Barbanza son 1.160 os mozos que teñen este dispositivo.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, subiuse este venres nun autobús en Ribeira, xunto co alcalde, Manuel Ruiz, para supervisar o funcionamento de dita tarxeta.

A representante autonómica lembrou que ata hai catro semanas estaba operativa nas áreas de transporte metropolitano, na provincia de Ourense e en trece concellos da área de Pontevedra, e que, dende agora, é unha realidade en toda Galicia, xa que desde que o pasado 21 de maio se estendeu a súa cobertura territorial aos 313 concellos.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade fixo fincapé na “conquista social” que supón que a mocidade galega teña acceso a servizos básicos como a educación e a sanidade, pero tamén ás actividades culturais e sociais, mediante transporte público gratuíto.

A familia dun rapaz de Ribeira que se despraza todos os días a estudar a Santiago terá un aforro de ata 1.800 euros ao ano no transporte público da Xunta empregándoo nos 9 meses de curso lectivo, grazas á tarxeta Xente Nova.

En abril expedíronse en Ribeira unhas 30, e en maio máis de 230. Pode solicitarse nalgunha das 213 oficinas de Abanca habilitadas, tres delas no municipio ribeirense.

Ethel Vázquez incidiu en como a completa modernización do transporte público da Xunta, no caso concreto de Ribeira, supuxo incrementar en máis do 40 % o número de rutas e en máis dun 70 % as paradas. Engadiu que permitiu dotar aos veciños de mellores conexións con Santiago, pero tamén dunha mellor coordinación dos servizos entre os concellos do Barbanza e mellores conexións, por exemplo, co hospital.

Xunta e Concello de Ribeira asinaron en febreiro un convenio para implantar bonificacións nas viaxes en autobús dentro do municipio, polo que os veciños teñen bonificacións nos servizos que comunican as parroquias entre si, con descontos adicionais para estudantes, pensionistas e persoas con especiais dificultades. O alcalde, Manuel Ruiz, destacou que “se algo é importante no presente, pero tamén para o futuro, é o transporte público, que nos vai permitir ós concellos seguir traballando nese modelo de cidade no que os coches teñen que ser un obxectivo secundario, por detrás das persoas”. Tamén lembrou que “Ribeira foi o primeiro concello en asinar un convenio ca Consellería que permite unha rebaixa sustancial no prezo do transporte”.

18 jun 2021 / 18:16
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.