Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Vilablues recupera a súa dimensión máis internacional

Recalarán en Noia estrelas do xénero como Tail Dragger, Roy Ellis ou Shanna Waterstown // A cita celebrarase a vindeira fin de semana

O Vilablues Fest presentou este venres o cartel da súa quinta edición, que terá lugar na fin de semana do 1 ao 3 de outubro e coa que se estrea como festival patrocinado por FEST Galicia, a marca creada pola Xunta para a promoción de Galicia como destino musical de calidade. O evento, que recala por segundo ano consecutivo en Noia, é ademais un dos 19 subvencionados este ano pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade mediante a convocatoria para festivais profesionais de música.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, interveu no acto de presentación celebrado no Casino noiés xunto a José Pérez Martínez, concelleiro de Cultura de Noia; Gumer Meijón, director do festival, e os representantes das firmas colaboradoras.

Sutil deulle a benvida ao Vilablues de Noia como un dos 14 festivais adheridos este ano á marca FEST Galicia, a través da que se patrocina o escenario principal que se situará no paseo marítimo. Ao tempo, subliñou o compromiso económico e institucional do Goberno autonómico cos principais festivais de música galegos, para os que se incrementaron os fondos no marco do seu plan de reactivación cultural fronte aos efectos da pandemia da COVID.

Polo que respecta á programación, o festival Vilablues recupera este ano a súa dimensión máis internacional con estrelas do xénero como o xamaicano Roy Ellis ou os estadounidense Tail Dragger e Shanna Waterstown.

Tamén actuarán na localidade noiesa a británica Shirley Davis ou o africano JP Bimeni con The Black Belts. Haberá, ademais, unha destacada representación musical galega, entre as que sobresaen o concerto Sempre Narf, en homenaxe ao músico compostelán, e as actuacións de Adrián Costa, Espiño, Mallou, Blues do País ou Jay Doe & The Blue Preachers.

Destacar que o recinto do escenario FEST Galicia estará parcelado para garantir as medidas de distanciamento e seguridade. A venda de abonos xa se atopa operativa na web www.enterticket.es, mentres que as entradas por días poderán adquirirse a partir deste sábado.

investimento As principais vías de apoio da Xunta neste ámbito suman este ano un orzamento de 840.000 €, tanto a través de FEST Galicia, que se reforzou cun investimento de 500.000 € en patrocinios, como mediante a devandita convocatoria de subvencións a festivais.

25 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.