Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Vimianzo adquire, tras a longa xestión, terreos en Carantoña

O obxectivo é crear unha praza pública e aparcamentos // É unha demanda veciñal histórica // Foron tres anos de trámites

O Concello de Vimianzo adquiriu un 70 % dos terreos dispoñibles en Carantoña tras tres anos de xestión coa idea de crear unha praza pública e aparcamentos. Trátase dunha demanda veciñal histórica. O goberno local, consciente disto, púxose en marcha co procedemento para levar a cabo este proxecto.

Dende a administración local queren agradecer “a plena vontade das persoas propietarias dos terreos á hora de facilitar os procedementos e poder chegar a acordos beneficiosos para ambas partes”.

O goberno anterior, din dende o Concello, anunciara “de xeito pomposo” a adquisición de 14 terreos en 2019, a unha semana dos comicios municipais, “cando é máis que evidente que esta situación non se podía dar”, insisten dende o executivo.

As medidas de superficie non coincidían e, tres anos despois e logo de escriturar o 70 % da superficie, pódese afirmar que “finalmente estamos máis preto de conseguilo”, avanza a alcaldesa, Mónica Rodríguez. “Isto suporá un antes e un despois no desenvolvemento da vida cotiá das persoas desta parroquia”, dixo. Será tamén un cambio importante á hora de facer as festas patronais, xa que a idea tamén é crear un campo da festa, con aparcamentos, para albergar este tipo de acontecementos, nun lugar que é o centro de Carantoña, entre o núcleo e a igrexa. Unha vez adquiridos os terreos, o Concello tivo que levar a cabo trámites administrativos, xa que había erros catastrais, polo que, antes de redactar o proxecto da praza, terán que quedar resoltas todas estas cuestións. “Houbo que facer unha nova consignación orzamentaria, preto dos 40.000 euros, dado que a que tiña prevista o goberno anterior era tan só da metade do valor total”, indican.

“A nosa idea é que poidamos ter isto sobre o papel antes de 2023, pero dependemos dos prazos administrativos pertinentes”, advirte a alcaldesa, quen se compromete a “axilizar ao máximo o proceso para que a veciñanza poida ver reflictidos os seus desexos o antes posible”, sendo primordial “que o próximo verán, cando se estean a desenvolver as Festas do Carme, sexan xa neste novo espazo”, engadiu ao respecto.

01 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.