Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Vimianzo dinamizará as súas parroquias coa Costa da Vida

O groso do programa cultural con música, artes escénicas, cinema, literatura ou artes plásticas vaise desenvolver entre xaneiro e marzo

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou este luns en Vimianzo na presentación do novo proxecto A Costa da Vida, organizado polo devandito Concello co apoio da Xunta para favorecer a dinamización sociocultural das súas parroquias.

Esta programación, centrada nas artes escénicas e na música, forma parte da quincena de propostas adxudicatarias da primeira convocatoria do fondo Territorio Cultura, que xestiona a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e a través do que se investirán preto de 1,3 millóns de euros en iniciativas públicas e privadas para ampliar e diversificar a oferta cultural no ámbito do rural.

A casa da cultura acolleu este acto, no que tamén tomaron a palabra a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e a creadora Mercedes Peón, quen protagonizará o concerto inaugural deste programa este sábado, 5 de novembro. Será co seu espectáculo Déixaas, xunto a Ana Fernández e Mónica de Nut, nun formato especial adaptado ao Castelo de Vimianzo.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades explicou que esta primeira quenda de Territorio Cultura “está a incidir directamente en núcleos rurais de corenta municipios de toda Galicia, nos que se desprega unha ampla variedade de iniciativas de creación, investigación, difusión e formación en música, artes escénicas, cinema, literatura ou artes plásticas, entre outros ámbitos”, sinalou.

Sutil lembrou, así mesmo, que Galicia foi a primeira comunidade autónoma en poñer en marcha este programa mediante a súa propia convocatoria de subvencións dentro do plan para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas que contempla o Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation da Unión Europea.

O seu obxectivo é reforzar e desenvolver as capacidades do sector cultural para acadar un tecido sólido máis alá dos grandes núcleos urbanos e contribuír, xa que logo, a incrementar a actividade cultural nas zonas rurais, entendida como un motor de cambio, de dinamización e tamén de transformación social.

PROGRAMACIÓN. No caso de A Costa da Vida, o groso do programa concéntrase entre xaneiro e marzo cunha vintena de actuacións de teatro, música, humor e narración oral, como os espectáculos Dous no camiño, As alumnas e Feo, os concertos de Píscore, Acordereita, Pan Sen Fron, Caamaño & Ameixeiras e Carapaus, e os monólogos de Marta Doviro, Vero Rilo e Avelino González, entre outras propostas.

Tamén forman parte da carteleira varias formacións da zona, como por exemplo os grupos de pandeireteiras de Carnés, de Treos, de Berdoais e de Baíñas ou os de gaitas de Carantoña e da Asociación Cultural Trubisquiña.

01 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.