Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Vimianzo e Laxe solicitarán datos do plan dos Penedos de Pasarela e Traba

Queren coñecer os pormenores da proposta anunciada pola Xunta de Galicia // Tentarán homologar a ruta de sendeirismo que percorre a Paisaxe Protexida

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e o seu homólogo en Laxe, José Luis Pérez Añón, reuníronse este mércores no concello vimiancés para abordar a situación da Paixase Natural do Penedos de Pasarela e Traba, logo de que a Xunta de Galicia anunciase a mediados de agosto o inicio do Plan de Xestión deste espazo natural e paisaxístico, que aínda non foi trasladado oficialmente a ambas administracións locais.

No encontro tamén participaron Raquel Lema, concelleira de Cultura do Concello de Laxe; María José Pose, concelleira de Benestar en Vimianzo, e Víctor Santos, técnico de Deportes vimiancés.

O primeiro paso que acordaron foi solicitar á directora xeral de Patrimonio, Belén Docampo, unha reunión para tratar, en primeira instancia, o fondo do Plan de Xestión, especialmente no ámbito de limpeza, sinalización e requisitos ás propiedades privadas no caso das plantacións.

Tanto a Mónica Rodríguez como a José Luis Pérez Añón interésanlles os pormenores deste documento para coñecer de primeira man os modos de actuación á hora da posible homologación da Ruta dos Penedos de Pasarela e Traba, que xa levan coordinando desde hai máis dun ano para impulsar un plan estratéxico conxunto da Paisaxe Protexida.

Desde ambas administracións estanse a buscar fontes de financiamento para sustentar unha proposta inicial de proxecto de homologación da ruta de sendeirismo que implica tanto a Vimianzo como a Laxe, ao longo dun espazo natural e patrimonial que aproveita sendeiros tradicionais e servidumes de paso, a través das cales é posible percorrer unha dorsal que se alonga dende a Torre da Moa, pasando pola Pena Forcada, ata o Outeiro da Cachucha, con miradoiros naturais únicos sobre o val de Traba.

Tanto a rexedora vimiancesa como o alcalde de Laxe coinciden na “plena coordinación e vontade dos Concellos de Laxe e Vimianzo á hora buscar unha solución e impulsar este plan o antes posible”, xa que “cremos nas posibilidades dun recurso que abrangue ambos municipios e que pode chegar a ser unha das referencias da Costa da Morte”.

LONGA ESPERA. Hai que lembrar que o conxunto granítico que conforman os Penedos de Pasarela e Traba foi declarado Paisaxe Protexida o 12 de xaneiro de 2009, e abrangue unha superficie de 212 hectáreas. Dende entón o singular espazo está á espera do plan de xestión que vén de anunciar este mes a Dirección Xeral de Patrimonio.

25 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.