Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
CULTURA. Será o 6 de novembro con paradas nos muíños de Cambeda, Pasantes, Gándara e no da Agra // Unha das novidades será a celebración da Milla do Millo // Xaber Díaz, as Adufeiras de Salitre e Ailá amenizarán o serán TEXTO José M. Ramos

Vimianzo vai de Muiñada con música, xogos e rutas teatrais

Despois dun ano de pausa por mor da pandemia, Vimianzo recupera a Muiñada aínda que dun xeito diferente a edicións anteriores. Será o sábado 6 de novembro con actividades que se desenvolverán ao longo da xornada e en diferentes muíños do val de Soneira.

As celebracións comezarán pola mañá, a partir das 10.30 horas, cunha ruta de sendeirismo teatralizada pola fermosa ribeira do río Cambeda, que acolle numerosos saltos e fervenzas ao longo de catro quilómetros. Organizaranse varias saídas en grupos reducidos.

Á hora da sesión vermú a festa trasladarase ao muíño da Gándara, no que esperará Davide Salvado acompañado de Fransy González a partir das 13.30 horas. Despois de xantar comezará unha tarde de xogos e unha curiosa carreira chamada a Milla do Milllo, con diferentes categorías de idade, para a que será necesario inscribirse. Todo isto en torno a un novo muíño, o das Pasantes, rehabilitado nos últimos tempos.

Finalmente, a tradicional noite de concertos transformarase este ano en serán. A partir das 20.00 horas o gran muíño da vila, o da Agra, acollerá baixo carpa os concertos de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e o grupo Ailá, que porán o peche á sexta Muiñada de Vimianzo.

A organización corre, un ano máis, a cargo da Asociación Cultural Cherinkas, co apoio do Concello de Vimianzo, a Deputación da Coruña e a propia veciñanza. No contexto da situación actual, a organización decidiu apostar por introducir elementos novos ao tempo que adapta o tipo de actividades e a súa realización ás normativas de seguranza vixentes. “Deste xeito, lamentamos non poder ofrecer nesta ocasión actividades como a gran foliada con grupos da Costa da Morte ou xogos como a competición de debullado, que tentaremos recuperar en próximas edicións cando a situación sanitaria permita realizalas en condicións”, afirman os promotores.

Outra das novidades principais desta edición é que haberá que adquirir entrada para todas as actividades, como xeito de facer sostible economicamente o festival no marco das condicións de seguranza fronte ao coronavirus. Deste xeito, tamén se atenderá ao control de capacidade e rexistro de asistentes marcado polas actuais normativas.

As entradas e bonos poranse á venda en www.enterticket.es en diferentes fases. O bono completo poderá reservarse do 21 (a partir das 18.00 horas) ao 24 de outubro, e inclúe a ruta teatral, a sesión vermú e os concertos de serán. Pola súa banda, o bono musical (sesión vermú mái serán) estará a venda entre o 25 e o 28 de outubro, e o bono Serán no Muíño da Agra, do 29 de outubro ao 1 de novembro. Tamén se poderán mercar entradas soltas para cada actividade entre os días 2 e 6 de novembro.

CONTOS. Por outra banda, en Vimianzo continúan as actuacións do ciclo Outono Cultural, que hoxe trae á capital de Soneira a Fantoches Baj, con Espantamedos, de Inacio Vilariño. Será unha función dirixida ao alumnado dos centros de ensino e desenvolverase na casa da cultura.

Nese mesmo escenario, o sábado, día 23, actuará Quico Cadaval. Contará o Complexo de Edipo, un relato mítico que xa escoitaron oito mil colombianos e tamén tres mil setecentos africanos dos que tres mil eran canarios e co que o cómico de seguro arrincará́ risas do público. A función comezará ás 20.30 horas. O prezo das entradas é de 5 euros (2,50 € a reducida) e poden mercarse de xeito anticipado a través de www.woutick.es (gastos de xestión incluídos) ou na billeteira da casa da cultura de 9.00 a 14.00 horas.

21 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.