Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Vimianzo vai reunir o vindeiro mes a máis dun cento de ‘autocaravanistas’

Convidarán aos participantes a descubrir o rico patrimonio histórico e natural do concello

Vimianzo será a capital do autocaravanismo do 14 ao 17 de maio, cando se xuntarán na capital local máis de cen vehículos, segundo informan o Concello e a Asociación Galega de Autocaravanas.

O primeiro día terá lugar a recepción na casa da cultura ás 10.30 horas, co posterior desprazamento á parroquia de Cereixo. Ás 14.00 horas está prevista a celebración dunha comida campestre na praza nova de Cereixo e ás 18.00 horas os participantes asistirán a un paseo guiado polo porto do referido núcleo histórico, que xa aparece nomeado en documentos medievais do rei Afonso VIII de León e Galicia.

Os asistentes terán a posibilidade de desfrutar do seu patrimonio artístico civil: as Torres de Cereixo, un dos cabazos máis grandes da Costa da Morte e o muíño de mareas; tamén do relixioso, coa igrexa románica do século XII e a representación da Traslatio Beati Iacobi na súa porta.

Xa para o domingo día 15 está proxectada unha ruta polos Penedos de Pasarela e Traba, que comezará ás 10.00 horas. Declarados como Paisaxe Protexida en 2009 polo seu interese xeolóxico e xeomórfico, forman un museo ao aire libre con esculturas graníticas esculpidas polo vento ao longo do tempo. Ás 14.00 horas terá lugar un xantar e ás 16.30 participarán en visitas guiadas ao castelo de Vimianzo en grupos de vinte e cinco persoas. Despois conmemorarase o Día das Letras Galegas na praza consistorial, con varias actividades para que gocen as crianzas.

Para o luns 16 de maio, o día no que Tanxugueiras actuará na localidade, está prevista unha ruta polo Val de Vimianzo, unha andaina circular que permitirá descubrir os tesouros que se agochan neste lugar e gozar das fermosas fervenzas do río Cambeda. Despois haberá un pícnic no merendeiro do Mosquetín, e tamén unha visita guiada aos batáns.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, sinala que este programa é “froito do traballo e esforzo de todo o equipo de Turismo, Cultura e Deportes”, ó que agradece “a súa implicación non só por confeccionar unha das mellores áreas de autocaravanas da Costa da Morte; tamén por darlle sentido con estas actividades”.

Xosé Anxo Cid, vicepresidente da Asociación Galega de Autocaravanas, destacou a “gran posibilidade que ofrece un municipio como Vimianzo, estratexicamente situado, para coñecer toda a Costa da Morte”. Tamén quixo agradecer “o interese que tivo sempre o Concello para levar a cabo esta infraestrutura”. David Abelenda, de Autocaravanas Costa da Morte, subliñou “a crecente porcentaxe deste turismo” e o labor do Concello de Vimianzo, a través de Víctor Santos. “Fíxose un traballo marabilloso para conformar a mellor área e con maior equipamento de Galicia”, sinalou ó respecto.

23 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.