Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

‘Víndemo ver’ promociona o mellor do campo en Carnota

A feira celebrarase os días 15, 16 e 17 de abril na praza de San Gregorio e estará ambientada

Quen visite Carnota en Semana Santa ten unha cita que non se poderá perder: a feira de artesanía e cultura Víndemo ver. Trátase da novena edición da cita, que este ano, como novidade, estará ambientada. Así, a praza de San Gregorio converterase os días 15, 16 e 17 de abril no escenario dun mercado de principios do século pasado. Para contribuír a recrear este ambiente, dende o Concello animan á veciñanza a acudir caracterizados para a ocasión.

Na feira, como é tradición, ofertaranse unha gran variedade de produtos agrícolas, ecolóxicos e de proximidade, xunto cun amplo abano de postos de artesanía de creadores locais. Ademais destes espazos, distribuiranse pola mencionada praza diferentes postos de comida e bebida para degustar ao aire libre.

O foro contará tamén cunha ampla oferta de actividades paralelas. Terán un papel destacado os eventos deportivos. Os montes de Carnota acollerán a XIX BTT. Será o venres 15 de abril e a saída está fixada para as 09.30 dende a casa do concello. Haberá dous percorridos: unha ruta curta de aproximadamente 30 quilómetros e outra de 50 km. Os interesados xa poden inscribirse na páxina web www.galitiming.com.

Nesa mesma mañá e paralela á BTT, organizarase unha xincana para a rapazada de entre 5 e 12 anos, que participará coas súas propias bicicletas. A actividade desenvolverase diante do consistorio, de 11.00 a 13.00 horas. Segundo indicaron fontes municipais, non é necesaria inscrición previa. O uso do casco será obrigatorio.

Xa para o sábado 16 de abril o programa inclúe a III Andaina Víndemo Ver-A Ruta das Leiteiras. Partirá da casa do concello ás 09.30 horas. “Nela recrearemos parte do camiño que as nosas ancestras facían para ir vender o leite á vila de Muros”, adiantaron dende o goberno local. Será unha ruta circular duns, aproximadamente, 10 km. Inscricións abertas na páxina web www.galitiming.com.

Asemade, tamén haberá actividades lúdicas para a rapazada (maxia, xogos tradicionais e busca do tesouro), música tradicional para amenizar o ambiente e diversas actuacións culturais, como a presentación do libro O Mergullador Atlántico, de Fernando Patricio Cortizo. O venres día 15, Quico Cadaval e Celso Sanmartín presentarán o espectáculo Contos de vellas e, para rematar, un concerto de Pablo Balseiro. Xa o día 16 pola noite actuarán De Vacas e A banda de Balbina.

29 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.