Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Vinte colectivos únense para a defensa da Costa da Morte

Corcubión acolleu a constitución formal de Adecom // Avogan por un desenvolvemento sostible e por plantexar alternativas

A casa da cultura de Corcubión acolleu o acto de constitución de Adecom, unha nova entidade social que aspira a converterse no referente do tecido social e veciñal da Costa da Morte. Agrupa a unha vintena de entidades que representan a 700 persoas.

Na asemblea, conducida por Merche Díaz (O Pindo) e Lorena Suárez (Vimianzo), definiron tamén os principios básicos da federación, entre os que figura a promulgación e conservación do medio natural da Costa da Morte, compatibilizándoa co seu desenvolvemento sostible e o incremento da calidade de vida das comunidades locais.

Aseguran que enfrontarán, da man das veciñanzas afectadas, “aqueles novos proxectos industriais e económicos que suporán unha degradación irreversible do medio natural, e en particular, dos espazos máis sensibles”, afirman. Promoverán ademais figuras de protección e conservación, alternativas sostibles a actividades industriais e económicas contaminantes xa fixadas nestas comarcas, “promovendo unha transición ecolóxica xusta coas comunidades locais”.

Apoiarán a idea dunha Costa da Morte limpa, que non só non xere novos residuos contaminantes froito das actividades humanas, senón que os absorba e elimine.

Defenderán tamén a idiosincrasia da sociedade, os seus valores arqueolóxicos e patrimoniais e as súas expresións culturais, e nomeadamente, o idioma galego “e as variantes dialectais que nesta comarca o enriquecen, defendendo a súa normalización plena”, engaden.

Reclamarán servizos públicos, sanidade, educación, infraestruturas e atención ás persoas maiores, con diversidade funcional e infancia, de calidade e promoverán o asociacionismo, colaborando e axudando a que novas entidades poidan crearse na comarca e integrarse en Adecom.

Din que a federación será unha “organización democrática, participativa e popular, cun ideario laico, feminista e pluralista, oposta por definición a toda forma de discriminación contra as persoas”. Actuará con perspectiva de xénero “para que as accións e proxectos contribúan a transformar a sociedade patriarcal nunha sociedade igualitaria”, sinalan.

En canto á financiación, recadarán os recursos económicos para promover iniciativas que leven a unha maior sensibilización e concienciación social coas problemáticas da Costa da Morte.

Establecerán os contactos con persoas, colectivos e administracións de cara a obter o seu compromiso de adhesión e apoio ás causas que inicien, ao igual que cos poderes públicos para obter o seu compromiso cos intereses da Costa da Morte. Ao mesmo tempo, promoverán e apoiarán calquera iniciativa de persoas e colectivos alleos cuxos fins sexan coincidentes cos da propia asociación.

Na xuntanza celebrada en Corcubión tamén se aprobaron os estatutos, o regulamento de réxime interno e a comisión rectora, órgano directivo que estará conformado por Jorge Castelo Mourelle, Merche Díaz Mayán, Yasmina Farhani Luaces, Juan Fernández Blanco, Juan Louro Cambeiro, Mario Maceiras Dosil, Belén Pérez Martínez, César Pérez Martínez, Héctor José Soto Santos e Lorena Suárez Pazos

As cotas da asociación quedaron fixadas en 12 euros para as persoas que queiran sumarse individualmente, o mesmo cas pequenas entidades con 12 ou menos persoas asociadas. As entidades máis grandes aboarán 2 euros máis de cota por cada múltiplo de 10 persoas que teñan asociadas (como máximo 52 €). De xeito similar, as entidades terán nas asembleas un número de votos proporcional a cantidade de persoas que teñan asociadas.

Rematou o acto facendo unha mención ao papel da Asociación Petón do Lobo (Cabana de Bergantiños), en recoñecemento ao seu compromiso en defensa da Costa da Morte “e ao esforzo titánico e desinteresado que vén realizando ao redactar documentos de alegacións á práctica totalidade dos novos proxectos de parques eólicos plantexados en toda a bisbarra, traballo que está a resultar verdadeiramente útil ao noso tecido social para afrontar a reacción e resposta veciñal ante estos proxectos”.

A comisión coordinadora quedou disolta tras un ano de traballo e cumprir a súa finalidade. Os seus membros amosaron a súa satisfacción “pola excelente acollida que tivo da idea de formar unha entidade social que opere con perspectiva comarcal, unha vella inquedanza e necesidade da veciñanza da Costa da Morte, que por fin é unha realidade”. Agora agardan seguir sumando apoios.

21 jun 2021 / 18:37
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.