Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Vinte desempregados da comarca noiesa fórmanse en repoboacións forestais

Trenor inaugurou este luns o obradoiro de emprego de Noia, Lousame e Outes // Conta cun apoio da Xunta de 500.000 €

O salón de actos da casa da cultura de Lousame acolleu este luns o acto de posta en marcha do obradoiro de emprego Noia-Lousame-Outes 22, que formará durante doce meses a vinte persoas desempregadas nas especialidades de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas e que conta conta cun apoio da Xunta de Galicia de máis de 500.000 euros, financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

O acto estivo presidido polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde Pais; o rexedor de Noia, Santiago Freire Abeijón; e o alcalde de Outes, Manuel González López.

Trenor destacou que na comarca do Barbanza a Xunta financiará, na convocatoria 2022-2023, cinco obradoiros de emprego nos concellos de Ribeira, Boiro, Muros, Rianxo e Noia, grazas a un investimento que supera os 2,3 millóns de euros para formar a 95 desempregados desta área. O delegado da Xunta explicou que grazas á ampliación do crédito deste programa foi posible dar cobertura a todas as solicitudes e incluír ao Concello de Rianxo entre os adxudicatarios das axudas.

O representante do Goberno galego explicou a gran utilidade deste tipo de formación porque, ademais de mellorar as capacidades para que as persoas desempregadas atopen un traballo, compleméntase con actuacións nos concellos e con prácticas nas empresas da contorna.

Neste sentido, Gonzalo Trenor tamén destacou o compromiso destes tres concellos coa empregabilidade, porque levan anos de traxectoria de formación contrastada nesta materia e conseguen importantes niveis de éxito nos diferentes programas de formación que afrontan.

Pola súa banda, a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, resaltou a importancia deste tipo de programas formativos “para facilitar a empregabilidade do alumnado que participa”. Así mesmo, subliñou a idoneidade da elección das especialidades deste ano (tratamentos silvícolas e repoboacións forestais), xa que son “un nicho de traballo que ten demanda agora mesmo no noso territorio”. Por iso, recomendoulle ao alumnado “aproveitar a formación” e desexoulles “moita sorte á hora de integrarvos no mercado laboral. Dende os concellos estaremos á altura para que este obradoiro sexa un éxito”.

O rexedor de Noia, Santiago Freire Abeijón, agradeceulle ao Executivo autonómico a ampliación de nove a doce meses o período de formación, xa que “é unha importante vantaxe fronte a outras edicións, pois permitirá que o alumnado afonde tanto na formación teórica como na práctica en cuestións como as talas en altura, as rozas ou os tratamentos silvícolas”.

Por último, o mandatario de Outes, Manuel González López, para quen “a silvicultura e os traballos forestais son un sector que ten un gran potencial”, sinalou aos presentes durante a súa inervención que, ademais de faceren prácticas en empresas da contorna, “hai unha oportunidade tanto para traballar por conta allea como para crear o voso negocio, porque cada vez hai más demanda tanto de particulares como da administración pública”.

03 oct 2022 / 20:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.