Visita á Xornada de saúde mental con cen millóns de euros no peto
A concellería de Benestar Social de Ames pechou este sábado a primeira xornada sobre saúde mental infantoxuvenil Coidados á mente co anuncio do delegado do Goberno, José Miñones, de que o Executivo central vai pór en marcha un Plan de Acción específico de 100 millóns.
Precisamente, Miñones foi o encargado de inaugurar este monográfico, que coincidiu na casa da cultura de Bertamiráns ca II Feira da Saúde e Ben-Estar, na que participan 14 asociacións. E con el estiveron o rexedor, Blas García, a concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luísa Feijóo, e membros da Corporación municipal.
A primeira charla, A importancia do vínculo na saúde mental, contou co relato de Ana González Uriarte, psiquiatra, terapeuta familiar e experta na saúde mental perinatal e da primeira idade, para dar paso a O xogo e o xogar no contexto das relacións temperás, unha conferencia repartida en dúas partes que impartiu Norka Malberg, psicóloga, psicoanalista e profesora na Facultade de Medicina da Universidade de Yale (EUA) e especialista no xogo.
Logo chegou o turno da parte dedicada á saúde mental dos mozos, coa mesa redonda Benestar na adolescencia. Máis alá da saúde dos adolescentes, máis alá da ausencia de enfermidade. Moderada pola psiquiatra e xefa do Servizo de Saúde Mental da Consellería de Sanidade, María Tajes Alonso, participaron Ricardo Fandiño Pascual, psicólogo e presidente da Asociación para a Saúde Mental na Infancia e na Adolescencia (ASEIA) e Xandre García Caballero, psiquiatra do Complexo Hospitalario de Ourense. As ponencias e a mesa redonda poidéronse seguir por streaming a través da canle de Youtube do Concello de Ames. E tamén se celebraron obradoiros simultáneos sobre adolescencia co psicólogo e profesor na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela Antonio Rial Boubeta e a psiquiatra e psicoanalista Elisabeth Palacios.
ESTRATEXIA. Pola súa banda, o delegado do Goberno destacou a recente aprobación polo Consello de Ministros da Estratexia de Saúde Mental 2021-2026, documento marco que “non se renovaba desde o ano 2009 e que evidencia a determinación deste Executivo con este problema nun tema no que non queremos deixar a ninguén atrás”, sinalou. Tamén quixo trasladar unha mensaxe de apoio e agradecemento polo seu “valor e iniciativa” ás asociacións galegas que traballan para dar respostas neste ámbito e que, lembrou, “en moitas ocasións son impulsadas polos propios pais e nais que buscan solucións para os seus fillos”.
Miñones remarcou ante os presentes o traballo e a aposta continuada por fortalecer a saúde mental, que nos últimos tempos se viu gravemente afectada pola covid, afirmando que “as condicións nas que tivemos que afrontar esta crise sanitaria sen precedentes supuxeron unha ameaza, silenciosa e latente, á nosa saúde mental”. E dentro dese investimento de cen millóns, haberá unha liña específica para un plan de saúde mental no sistema educativo coa ministra Alegría.