Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Visita do Reino Unido e Eire para darlle pulos ó Camiño Inglés e ó turismo aparellado

Na Deputación apostaron tamén pola Prolongación da Ruta diante do presidente provincial // Oroso reforzará vínculos

O Camiño Inglés está de moda... nesta terra e tamén nas Illas Británicas. Así o confirmaron os peregrinos que veñen de ser recibidos polo presidente da Deputación da coruña, Valentín González, así como polo alcalde de Oroso, Luis Rey, anunciando que están a buscar novas vías para reforzar a súa aposta por esta Ruta. Trátase dunha ducia de prescriptores e representantes de diferentes entidades británicas, que tamén manifestaron a súa aposta pola Prolongación desta Vía ata Muxía-Fisterra.

A iniciativa, posta en marcha pola Deputación da Coruña e a Asociación de Concellos do Camiño Inglés, materializouse coa colaboración das oficinas de Turismo de Londres e Berlín. Ademais, en novembro haberá unha nova visita, neste caso de xornalistas e blogueiros, para difundir o potencial da ruta, achegando tamén podutos turísticos aos turoperadores.

Entre os asistentes houbo membros da Confraternidade Sant James de Reino Unido, da Boyne Valley Camiño e da Camiño Society de Irlanda, do St. Barbe Museum & Art Gallery de Lymingon, do County, de Visit County Durham, da asociación de amigos do Camiño Inglés Finchale, da abadía de Reading e a operadora de viaxes Navan Travel. En Oroso, o grupo acometeu un treito desta Ruta co tamén edil de Turismo, e deputado provincial, Antonio Leira.

Precisamente, e segundo Leira, o grupo amosou “moito interese polo papel do Concello de Oroso na revitalización do Camiño Inglés e polas iniciativas que desenvolvemos, como a recuperación do Carboeiro, a nova senda peatonal e a posta en valor dos lavadoiros ou a fonte da Santiña”, explicaba o deputado.

Outro aspecto que destacaron foi a papel da comunidade educativa de Oroso para trasladar os valores do Camiño Inglés ás novas xeracións, a través de intercambios con centros educativos británicos e con iniciativas como Escríbelle unha carta a... para coñecer aos peregrinos e peregrinas máis ilustres que pasaron polo concello.

“A visita serviu para establecer vínculos e crear mesas de traballo para o deseño de accións que potencien esta ruta xacobea e os seus itinerarios desde os seus países de orixe; o impacto social e económico do Camiño Inglés en Oroso é moi alto e medra cada ano”, engadía o alcalde.

FROITOS. Á súa vez, o presidente da Deputación indicaba na sede provincial que “recibirvos hoxe aquí é sinal de que o traballo que estamos a levar a cabo está dando os seus froitos”, indicou González Formoso no encontro. “A vosa visita permite que se tracen novas vías de colaboración entre administracións e entidades galegas, británicas e irlandesas, todas cun obxectivo común: impulsar este itinerario de peregrinación nos diferentes territorios”.

Pola súa banda, Antonio Leira, desta vez en calidade de deputado, agradeceu “a vosa participación nesta iniciativa de familiarización na que agardamos que descubrades todos os recursos que ofrecen tanto o Camiño Inglés como o de Fisterra-Muxía e que poidades transmitilo nas vosas confraternidades, concellos, empresas e ó público xeral”. Así pois, con esta iniciativa preténdese amosar como se xestionan os camiños na provincia, así como fomentar sinerxias co fin de atraer ao público anglosaxón a descubrir o Camiño na provincia”.

15 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.