Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O Concello ultima un ambicioso programa para a primavera e o verán co fin de captar turistas // As actividades, itinerantes e artísticas, van dirixidas aos centros escolares, á veciñanza e aos potenciais visitantes a vila rosaliana TEXTO María Rendueles

Visitas teatralizadas para difundir o fenómeno xacobeo en Padrón

O Concello de Padrón, a través da concellería de Turismo, está a preparar un ambicioso programa de actividades de cara a esta temporada primavera-verán co ánimo de seguir captando visitantes, á vez que lles ofrece ás propias padronesas e padroneses distintas iniciativas que lles permitirán mergullarse na historia e nos diferentes atractivos do municipio. Entre outras, a progamación incluirá visitas teatralizadas e paseos guiados cos que se difundirá o fenómeno xacobeo.

O programa, denominado Padrón: o teu camiño, o teu destino e impulsado dende a concellería de Turismo que dirixe Lorena Couso, presentouse á terceira convocatoria do plan de subvencións O Teu Xacobeo, co que a Xunta quere involucrar a toda a poboación de Galicia na celebración do Ano Santo a través de propostas vencelladas ao fenómeno xacobeo.

CENTROS EDUCATIVOS. As primeiras actividades iniciaranse en maio e teñen como destinatarios aos alumnos dos diferentes centros educativos de Padrón. Por un lado, os escolares participarán en paseos guiados con Dona Pedronía, unha personaxe que integra elementos do Concello de Padrón e do Camiño de Santiago e que ten como obxectivo axudar a promover e divulgar a ruta xacobea ao seu paso polo municipio entre o público infantil. As visitas refórzanse con fichas de material escolar coas que nenas e nenos traballarán nas aulas.

Por outro lado, os centros educativos achegaranse os mércores ao Xardín Botánico para asistir a unha representación teatral de Os Quinquilláns centrada no amor truncado entre o trovador Macías o Namorado e dona Elvira, que servirá de excusa para coñecer unha das principais figuras literarias vencelladas a Padrón e un dos espazos botánicos máis relevantes de Galicia.

ITINERARIOS. Estas visitas teatralizadas abriranse os sábados ao público en xeral. O éxito de anteriores edicións leva a incluír tamén entre as propostas as visitas guiadas polo actor Suso Martínez interpretando o papel de Sisnado, bispo de Iria Flavia que se opuxo aos viquingos no século décimo.

O itinerario, que comeza na igrexa de Santa María de Iria e remata no casco histórico de Padrón, percorre os principais elementos xacobeos da localidade.

Así mesmo, o programa da concellería de Turismo poadronesa recolle dúas iniciativas artísticas. Unha delas consiste nunha intervención do recoñecido muralista Yoseba Muruzábal sobre unha estrutura de formigón localizada no Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio coruñés. A outra é unha exposición da pintora Loreto Blanco, que se centrará no fenómeno xacobeo e que poderá verse na sede da Fundación Cela, ubicada en Iria Flavia.

VOLTARON EN 2021. Cabe lembrar que xa o ano pasado, nos meses de xullo, agosto, septembro e outubro, o Concello de Padrón retomou as visitas teatralizadas da man de Chronicón Iriense, Camiño branco de Rosalía e A Traslatio,, espectáculos financiados tamén polo Xacobeo.

“Agora que a situación sociosanitaria permite realizar este tipo de actividades, consideramos que é preciso poñer en valor a tradición Xacobea do noso municipio neste Ano Santo”, explicou entonces Lorena Couso, concelleira de Turismo do Concello de Padrón.

28 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.