Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
EXALTACIÓN. Gonzalo Trenor eloxiou no pregón o esforzo dos biólogos e criadores que se empeñaron en que a especie sobreviva // Lucas Magadán gañou o premio á mellor ave da exposición, na que se puideron ver sesenta exemplares TEXTO Suso Souto

‘Voaron’ uns mil quilos de capón na Festa do Galo Piñeiro do Pino

Milleiros de persoas participaron este domingo na Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar, unha celebración declarada de Interese Turístico de Galicia coa que O Pino enxalza os valores económicos, culturais e históricos destas dúas especies. Sesenta exemplares de galiñas e galos piñeiros vivos, procedentes de Galicia e doutras comunidades do norte de España, participaron nun certame morfolóxico que continúa a recuperar unha especie que funde as súas orixes en épocas prerromanas.

Numeroso público pasou pola XXI Feira de Galos e Galiñas de Raza Piñeira. Nela puidéronse contemplar exemplares deste animal que hoxe, tras un proceso de recuperación, se cría en cada vez máis comunidades.

Durante a sesión vermú, a cargo da cantante Ruth Cundíns, os asistentes gozaron da degustación de galo guisado, elaborado polo restaurante A Magdalena de Castrofeito.

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, foi o encargado de dar o pregón, acompañando do alcalde do Pino, Manuel Taboada; a deputada autonómica Paula Prado; e a cónsul de Cuba en Galicia, Yahima Martínez. Trenor destacou o sabor “especial e intenso, pero suave e benvido polo padal”, dos pratos cociñados con galo de raza piñeira.

Unha especie que, segundo apuntou, “perdurou en Galicia porque sempre se adaptou moi ben ao noso territorio, e polo esforzo dun grupo pioneiro de biólogos e de 150 criadores que se empeñaron en que sobreviva esta parte tan importante do noso patrimonio. É un traballo que merece aplauso e admiración”.

Na entrega de galardóns da Feira do Galo Piñeiro, organizada por Agalpi, sobresaíu o galo criado por Lucas Magadán, que recibiu o premio á mellor ave exposta, así como os primeiros premios na categoría de Galos de Raza Piñeira e tamén na de Galiñas. Na modalidade de Galos de Curral gañou Carme Barral.

No recinto houbo asimesmo unha mostra de artesanía que contou con exhibicións de forxa, tear, arte de bolillos ou cantería, e obradoiros e xogos para as crianzas.

Ao xantar popular asistiu un milleiro de persoas. Entre ambos os dous actos gastronómicos, consumíronse máis de mil quilos de capón.

No apartado cabalar da feira, centos de cabalos e eguas participaron nos concursos morfolóxicos. O premio Faísca foi para o mellor cabalo de Pura Raza Española nacido e criado en Galicia, que será imaxe da Mostra Cabalar en 2023.

07 ago 2022 / 19:13
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.