Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Volve a Diverescola con xogos a prol da inclusión

Íntegro retoma o programa no CEIP San Vicenzo de Vimianzo // O obxectivo é formar persoas comprometidas coa diversidade

Tras un período de inactividade de case dous anos debido á Covid, a asociación Íntegro porá en marcha esta semana unha nova edición da Diverescola, unha iniciativa promovida no marco do programa Capacíta-T, para achegar aos máis cativos e cativas da Costa da Morte a diversidade e a inclusión a través do xogo e o entretemento.

A primeira saída da nova campaña terá como destino o CEIP Plurilingüe San Vicenzo, de Vimianzo. O martes 25 terá lugar a primeira xornada de sensibilización, na que participarán un total de 69 nenos e nenas de 4 a 6 anos.

Desde primeira hora da mañá, desenvolveranse diferentes actividades lúdicas arredor dun “contaconto guiado”. Ademais da lectura e a posterior interacción sobre o conto, abordarase a temática a través da técnica do muralismo para intercambiar ideas e afianzar conceptos relacionados coa inclusión e a diversidade.

O mércores 26 será a quenda do alumnado de 1º e 2º de educación primaria. Neste caso, os pupitres darán paso aos circuítos de obstáculos para acoller unha actividade denominada Xogamos coas barreiras. Trátase de realizar un circuíto de mobilidade en cadeira de rodas por determinados espazos do colexio e un percorrido estacional sensorial, que lles axudará a sensibilizarse e empatizar coas dificultades.

Así, “a través do xogo, poderemos reflexionar sobre as barreiras físicas, sociais e mentais que existen na sociedade e como podemos superalas”, sinalan dende Íntegro.

Diverescola é unha acción de sensibilización desenvolvida polo referido colectivo, encamiñada a educar en valores ao alumnado de infantil e primaria dos centros educativos da Costa da Morte, “co obxectivo de formar, xunto ao profesorado, persoas comprometidas coa diversidade funcional, romper as barreiras mentais e propiciar a normalidade e a inclusión real”, engaden.

A través do xogo e o entretemento, os máis cativos terán a oportunidade de reflexionar e flexibilizar sobre crenzas erróneas, xa consolidadas, en torno ás persoas que son diferentes ou teñen diferentes capacidades, ata darse conta das súas potencialidades, aprender a respectalas e descubrir a riqueza e a importancia da diversidade. “Deste xeito, promoveremos actitudes positivas no alumnado para combater a discriminación e a desigualdade”, conclúen.

24 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.