Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Volven encher de actividades potentes as bibliotecas amesás

Programouse o contacontos ‘Coma gatos e ratos’ e tamén o obradoiro Excelentes mulleres científicas neste mes // Tratan de achegar a literatura a adultos e cativos

As bibliotecas de Ames inclúen dúas propostas durante este mes de novembro. A primeira, Coma gatos e ratos, consiste nunha sesión de contacontos pensada para nenos dos 3 aos 8 anos. E tamén está Excelentes mulleres científicas, un obradoiro co gallo do Mes da Ciencia en Galego para a rapazada dende 3º ata 6º de Primaria. Ambas actividades repetiranse nos locais do Milladoiro e de Bertamiráns, cos seus respectivos horarios.

E aínda que o prazo para reservar praza nas primeiras sesións de animación á lectura –hai aforo limitado– a celebrar estes días rematou no departamento de Bibliotecas de Ames (a través do enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal), pódese consultar se hai sitio falando directamente coa biblioteca á que se desexe asistir. Para a do Milladoiro, o número facilitado é o 981 530 807, mentres que para a de Bertamiráns é o 981 884 829.

DATAS. Coma gatos e ratos é un contacontos pensado para a rapazada dende os 3 aos 8 anos que contará con tres paradas en cada unha das dúas bibliotecas do concello: estará no Milladoiro os días 2, 3 e 4 de novembro e en Bertamiráns, os días 16, 17 e 18, a partir das 17.30 horas.

E a asistencia a Excelentes mulleres científicas, taller dirixido a alumnos de 3º a 6º de Primaria, pódese tramitar entre os días 8 e 17 deste mes. O taller celebrarase no Milladoiro, o venres 19 de novembro ás 17.30 horas, e en Bertamiráns, o vindeiro sábado 20, a partir das 11.00 horas.

Reunións presenciais e sen idade no Club de Lectura do Milladoiro cada dúas semanas
Celébranse un martes si e outro non ás 21.00 horas e as sesións non teñen duración fixa

Volve a actividade presencial ao Club de Lectura da Biblioteca do Milladoiro, que suma 12 anos de reunións para darlle pulos á mellor literatura e compartila cos veciños. Os actuais vinte e dous participantes (de procedencia e idade diversa) celebran reunións quincenais e comparten protagonismo cas propias obras. “Buscamos gozar da lectura con cada libro”, di o seu responsable, Santiago Eirís.

Para participar nesta actividade non cómpre ser un experto lector ou lectora, senón que se buscan persoas con inquedanzas culturais e que gocen de intercambiar opinións cos demais. A actividade, de balde, está dirixida por persoal do departamento de Bibliotecas de Ames, e forma parte dunha serie de accións da concellería de Cultura para fomentar a lectura no concello. Reúnense cada quincena, os martes ás 21.00 horas na Biblioteca do Milladoiro, adaptándose ás necesidades dos seus integrantes e aos seus horarios laborais. Non hai unha duración fixa para estas sesións, que buscan a implicación e a participación das lectoras e lectores.

“Eu podo facer introducións ou romper o xeo, pero os participantes son os protagonistas”, continúa Eirís, que tamén é o técnico do servizo destas instalacións. Incide en que tratan de xerar debates interesantes e atractivos, nos que cada persoa poida aportar a súa reflexión ou opinión sobre a lectura: “Non se trata de ser academicistas, como cando iamos á escola”.

Entre as 22 persoas que forman o club atópanse lectores de todas as idades, e con orixe noutras provincias españolas ou mesmo noutros territorios. “Non hai idade mínima nin máxima. Agora ben: todos os participantes son maiores de idade. Outra peculiaridade do grupo é que algúns proceden doutros países, como Bélxica, Arxentina ou Guatemala, e incluso de outras provincias, como Salamanca ou Toledo”, destaca asimesmo Santiago Eirís.

O importante é a participación, adaptándose ós tempos de cada persoa, que non ten por que asistir a todas as sesións para seguir vinculado ao club. “Aínda que hai 22 participantes inscritos, raras veces coincidimos todos”, di.

02 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.