Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Pesca. O arranque da campaña foi desigual debido ao vento do nordés que impediu faenar en portos como o de Malpica // En Corcubión poxaron unha media de
800 quilos diarios // Detectaron escaseza de exemplares grandes TEXTO J. M. Ramos

Volveu o polbo ás lonxas con prezos por enriba dos doce euros o quilo

Despois de seis semanas de veda, o polbo galego volveu o pasado luns ás lonxas e fíxoo con bos prezos, acadando cotizacións por enriba dos 12 euros por quilo os mellores exemplares. Non obstante, o comezo da nova campaña foi desigual xa que o forte vento do nordés mantivo amarrada a boa parte da frota, especialmente a dos portos situados ao norte de Muxía.

Nestes primeiros días, chegaron ás lonxas do litoral do ámbito da Área de Compostela, comprendido entre Caión e Rianxo, preto de 450.000 quilos de polbo, segundo datos de Pesca de Galicia. A rula de Ribeira foi a que máis cefalópodos poxou, superando os 380.000 kg. Na Costa da Morte, o porto de Corcubión segue a ser o referente nesta especie, e nesta primeira semana poxaron entre 800 e 900 quilos cada día, segundo confirmou o responsable da lonxa local. En Fisterra vendéronse preto de 1.500 quilos.

Pola contra, nos portos de Camariñas, Laxe e Malpica de Bergantiños as contías foron mínimas porque “non se puido saír a faenar e a maioría dos barcos estiveron amarrados a porto a causa do vento”, afirmou o patrón maior de Malpica, Pedro Pérez.

Un volume de capturas que xerou unha facturación superior ao millón de euros en todas as lonxas desta franxa litoral. No porto corcubionés, onde as poxas celébranse os luns e o prezo manténse durante toda a semana, as cotizacións oscilaron entre 8 €/kg o polbo máis pequeno e 12,50 € os de maior tamaño. Non obstante, segundo informou o responsable da lonxa, aínda que a maioría dos barcos volveu para terra co tope de capturas máximo permitido, “a maioría eran polbos de entre 1 e 1,5 quilos, pois dos grandes colleron poucos”.

Así o constatou tamén o patrón maior de Fisterra, Manuel Martínez, quen valora moi positivamente os prezos acadados nesta primeira semana da nova campaña, se ben, ao igual que o resto dos profesionais do mar, asegura que os datos destes días non son indicativos nin da situación do recurso nin da evolución do mercado nos vindeiros meses.

De feito, boa parte da frota naseira que se adica á captura do polbo non retomará esta arte ata o outono, sabedores de que estes meses de verán non son os máis propicios para a pesquería desta especie. No caso do porto de Fisterra, tan só oito barcos se pasaron ao polbo, mentres que o resto da frota segue faenando con outras artes menores.

O levantamento da veda do polbo coincidiu no tempo co peche da campaña da centola, outras das especies de gran valor para a frota artesanal galega. A veda da centola na parte litoral que vai desde A Guarda ata cabo Corrubedo e de cabo Corrubedo ata cabo Estaca de Bares comezou o 25 de xuño e prolongarase ata o vindeiro 6 de novembro. Pola súa banda, na zona comprendida entre cabo Estaca de Bares e o río Eo, incluíndo a ría do Barqueiro, a pesquería pechouse o 2 de xullo e non reabrirá ata o 27 de novembro.

No caso do boi, a veda demorarase uns meses máis, xa que está fixada desde 3 de setembro ata o 6 de novembro en todo o litoral de Galicia. Nos referidos periodos quedará expresamente prohibida a pesca destas especies por medio de calquera arte en augas galegas.

{ Pasaba por aquí }
Primeiras racións
Manuel Lavandeira

Os turistas, e tamén as xentes destas terras, xa poideron degustar as primeiras tapas de polbo galego despois de mes e medio ausente das lonxas. Afortunadamente, as nasas dos barcos aos que o vento lles permitiu saír a faenar voltaron cargadas de cefalópodos para terra e iso é un bo sinal para os mariñeiros e tamén para o sector da restauración que, un ano máis, pode ofrecer nas súas cartas culinarias o prezado polbo galego. Outra cousa é se o produto que se captura nesta época é o de mellor calidade. Moitos mariñeiros coinciden en que, a verdadeira tempada do polbo, comeza coa chegada do outono e dos primeiros temporais no mar. Aínda así, ningúen lle dirá que non a unha boa ración, a non ser que sexa polo prezo.

Protagonista
“O verán non é a época boa desta especie”
Manuel Martínez
Patrón maior de Fisterra

O patrón maior de Fisterra, Manuel Martínez, asegura que os bos datos desta semana “son habituais cada ano despois das vedas, as dúas ou tres primeiras semanas sempre se pesca ben, pero o verán non é a época boa do polbo”. A este respecto sinala que é a de maior demanda polo efecto do turismo, pero ata setembro, engade, "non se poderá facer unha valoración do que pode ser a nova campaña”, pois é a partir do outono cando comeza a verdadeira tempada desta especie tan valiosa para a frota artesanal galega.

11 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.