Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Xaquín del Valle-Inclán afondou na faceta de editor do seu avó

O neto do autor ofreceu na Pobra a primeira charla do ciclo sobre o literato // Sara Martínez recibiu os 700 euros do certame de carteis

O Museo Valle-Inclán da Pobra acolleu a inauguración das xornadas en homenaxe ao prolífico intelectual que lle dá nome na súa vixésimo cuarta edición. A apertura da exposición dos traballos presentados ao I Concurso de Carteis deste ciclo supuxo o inicio desta convocatoria “na que converxen cultura e educación”, segundo a concelleira de Cultura, Patricia Lojo.

A mostra abriuse ao público na sala Iconografía Contemporánea e está composta polas 17 obras presentadas xunto con carteis promocionais de anteriores anos.

No acto, amenizado pola Escola de Música da Pobra, fíxose entrega do premio a Sara Martínez Narváez, autora da lámina gañadora para a divulgación deste evento.

Coa charla titulada Valle-Inclán: un escritor de éxito?, o investigador Xaquín del Valle-Inclán Alsina (neto do autor) debullou as distintas fases que asumía o seu antepasado na publicación dun libro, pois, ademais de escritor, exerceu sempre como o seu propio editor, agás cun par de volumes. A proxección de exemplares de xornais da época e libros de contas complementaron a intervención.

O ponente dixo que Valle-Inclán non só vendía a través de libreiros de Madrid, senón tamén dunha editorial barcelonesa e da prensa carlista: El Correo Español. Un exemplo das principais distribuidoras empregadas polo literato a partir de 1912 é Librería de Perlado, Páez y Cª Sucesores de Hernando, levando o 50 % da comisión, o que se traducía nun ingreso económico significativo naquela época.

A programación das xornadas esténdese ata finais de outubro con diversas actividades para todos os públicos que culminarán o día 29 coa tradicional ofrenda cívica.

‘Luces de Bohemia’. MyH Producciones subirá ás táboas do Teatro Elma dobremente para interpretar Luces de bohemia, de Ramón del Valle-Inclán. Este domingo 16, ás 20.00 horas, estará aberto para o público adulto, mentres que o luns 17 será unha función exclusiva para o estudantado do instituto.

Precisamente, alumnado dese centro desprazarase ó museo o xoves 20 para asistir á representación de Valle-Inclán e ti, de Artes Estudio.

Para as escolas infantís pobrenses configurouse a actividade Pinta a Valle-Inclán, que se desenvolverá dende este martes 18 ata o día 2 de novembro e que consistirá en colorear, debuxar ou aplicar calquera tipo de técnica plástica a unha silueta do intelectual impresa sobre papel.

O teatro regresará ás salas da institución museística o martes 25 e o xoves 27 (dúas sesións por día) con Charo Pita e a obra O avó e outras historias para contar?, destinada aos colexios da Educación Primaria. E, aberto á cidadanía en xeral, De tal cuento tal astilla levará De paxaros na cabeza ao museo o vindeiro venres día 28 ás 20.30 horas.

O apartado dos coloquios terá continuidade o venres 21, ás 20.30 horas, no auditorio do museo, con Josefina Blanco: unha actriz esquecida, a cargo de Xeila Iglesias.

Como colofón, o venres 29 procederase no Cantón da Leña, a partir das 12.30 horas, coa tradicional ofrenda cívica ante o monumento dedicado a Valle-Inclán, que incluirá unha lectura pública de textos do autor e que estará amenizada pola Escola de Baile e Pandeireta Caramiñas da Asociación Amas de Casa.

delegribeira@elcorreogallego.es

15 oct 2022 / 13:50
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.