Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Xela, a redeira de conto dun dos oficios mariñeiros máis antigos

A escritora Alexandra Touza e a ilustradora Patricia Eirín déronlle vida // A obra que viu a luz en Malpica // Foi promovida pola federación galega O Peirao

A lonxa de Malpica acolleu o acto de presentación do conto Xela, a redeira, unha obra escrita por Alexandra Touza e ilustrada por Patricia Eirín, coa que se pretende dar a coñecer a actividade das redeiras como parte fundamental das actividades do mar. A publicación enmárcase dentro dun proxecto promovido pola Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao.

O acto estivo presidido pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, quen salientou o valor do traballo que realizan as profesionais deste sector e sinalou que esta publicación dirixida ao público infantil é unha boa ferramenta para dar a coñecer o oficio e promover a remuda xeracional.

Nesta liña, a titular de Mar subliñou que un conto é a mellor forma de chegar ás novas xeracións, especialmente aos máis cativos, e de mostrarlles un dos oficios máis antigos e tradicionais do sector. Enxalzou o legado das mulleres que contribuíron a formar a Galicia costeira actual e afirmou que este conto é tamén “un canto de amor polo mar, porque Galicia sabe a mar. É bravura, orgullo e está repleto de leccións que nos deixaron as nosas maiores e que recollerán mulleres valentes, fortes e perserverantes”.

En relación ao labor das redeiras, destacou a súa capacidade para dominar todas as técnicas para a confección e montaxe dos aparellos de pesca e tamén para a súa reparación e mantemento.

Quintana salientou tamén outras posibilidades que ofrece o oficio mediante a diversificación, con actuacións como a elaboración de produtos artesáns a partir de refugallos ou o turismo mariñeiro.

Entre as accións que promove a Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao destacan tamén a curta documental realizada pola produtora Muzungu Producións en coprodución con Doha Debates, e a exposición Redeiras. Unha profesión con historia.

A conselleira estivo acompañada polo alcalde de Malpica, Walter Pardo; a directora de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez; os edís Sergio García, Ángel Garrido, María Álvarez, Miguel Varela, Leticia Fernández e Miguel Fernández; o patrón maior da confraría local, Pedro Pérez; e a presidenta de O Peirao, Verónica Veres.

O rexedor salientou que “as redeiras forman parte da nosa identidade, así como de toda a Comunidade galega, e desde as administracións temos que conxuntarnos para poñelas no mapa como se merecen, coas condicións de traballo axeitadas e recoñecéndolle, en maior medida, unha labor que é centenaria”.

MALESTAR. Dende o PSOE de Malpica expresaron o seu malestar pola “falta de respecto institucional”, xa que no acto non se cedeu a quenda de intervencións ao alcalde, “aínda que no programa oficial si constaba”. Pardo, que deberá afrontar unha moción de censura, sinalou que “aínda nos quedan moitas horas de traballo á fronte desta institución”. O grupo socialista insta á Xunta a “emitir un comunicado disculpándose polo feo xesto”.

O PEIRAO
Máis de cento corenta profesionais asociadas

··· A Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao foi creada en 2004 no marco do III Encontro de Redeiras e a súa sede social está en Malpica.

··· Na actualidade está integrada por máis de cento corenta socias repartidas en oito asociacións de redeiras ao longo do territorio galego e ten entre os seus principais obxectivos defender os intereses das redeiras profesionais de Galicia, visibilizar as necesidades das socias e fomentar o asociacionismo.

··· Outros dos seus fins son a formación de futuras redeiras, promover a diversificación laboral, a través da reciclaxe e a artesanía, e promover a igualdade entre mulleres e homes. O reto é poñer en valor o papel que veñen desenvolvendo dende moi antigo as mulleres no labor de reparación e fabricación de redes, que é un dos máis antigos oficios mariñeiros.

21 ago 2021 / 16:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Mar
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.