Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Xerou 800.000 euros de negocio a campaña Raña e gaña da Pobra

Entregáronse máis de seiscentos agasallos // Eva Santamaría gañou a viaxe a Eurodisney

A segunda edición da campaña Raña e gaña que puxo en marcha o día 27 de novembro o Concello da Pobra para incentivar as compras nos establecementos de proximidade, acaba de rematar e supuxo un movemento económico duns 800.000 euros.

A iniciativa deseñouse especificamente para a época do Nadal ca unión de forzas do Concello e o comercio e a colaboración das firmas Congalsa, Grupo Roig, Rianxeira-Escurís, Conservas Ramón Franco, estación de servizo Avia e DS Smith Cartogal.

No transcurso da campaña distribuíronse máis de 70.000 tarxetas en 60 establecementos comerciais e de servizos da localidade, o que se traduciu no reparto de 600 agasallos directos por un importe total de case 15.000 euros.

Entre os locais integrantes figuraban tendas de roupa, alimentación, deportes, centros de estética, xoierías ou informática, entre outros, traducíndose en agasallos de diversa índole: dende produtos alimentarios a sesións fotográficas, tratamentos de beleza ou complementos, os cales son só algúns dos exemplos.

Ademais, as empresas colaboradoras aportaron o seu grao de area con presentes que consistiron, principalmente, en lotes de produtos, dispositivos eléctricos, maletíns de limpeza de vehículos e unha viaxe familiar a Eurodisney. Este último era un dos obsequios máis ansiados e, finalmente, apareceu nun rasca entregado nesta semana.

A agraciada resultou ser Eva Santamaría Dios, quen casualmente tamén é comerciante na Pobra, pois rexenta unha libraría. A entrega oficial deste premio efectuarase unha vez a actual situación sanitaria así o permita.

As persoas afortunadas que aínda non recollesen os seus agasallos aínda están a tempo ata o vindeiro día 28 de febreiro. No caso das contribucións do comercio, precísase na propia tarxeta o presente xunto co establecemento ao que se debe acudir, mentres que no relativo aos artigos procedentes das empresas, a recepción dos agasallos é na oficina do turismo ubicada na Casa Mariñeira.

08 ene 2022 / 14:47
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.