Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Xogos, teatro e música para unha Festa do Apego que desata paixóns nas familias

Acadaron case 900 anotacións // Será en Bertamiráns, na casa da cultura, este sábado // Terá espazos abertos ós non inscritos

Se organizas unha celebración, e das 870 inscricións acadadas unicamente lle podes garantir a reserva a 650... é que estás diante dun éxito. E isto é o que vai pasar este sábado en Ames, onde se desenvolverá a segunda Festa do Apego con música, xogos, teatro, contos, baile e obradoiros baixo cuberto, xa que, pola ameaza de choiva, trasladarase á casa da cultura de Bertamiráns. Vai dirixida ás familias con nenos de 0 a 6 anos que queiran crialos transmitíndolles a lingua galega.

Deste xeito, e organizada dende o Servizo de Normalización Lingüística, coa edil Escarlata Pampín a fronte, a festa inclúe a participación das librarías amesás Lenda, Máinomen, O Tinteiro e Nenos Nais, que colaboran con mostras e descontos en material infantil. Comezará ás 11.00 horas co espectáculo Derriba da lúa, de Vero Rilo e Sonsoles Penadique. Combina narración oral e música para arrolar, cantar e xogar dende os primeiros meses. A actividade vai dirixida a familias con fillos de ata 3 anos.

A mediodía chegan As Armadanzas para un público familiar. Montse Rivera e Mercedes Prieto, ambas as dúas integrantes do grupo Pesdelán, traerán baile, música, animación e contos para mover o corpo e a imaxinación sen saír do asento. A xornada continúa con contos para a rapazada a partir de 3 anos da man de Vero Rilo, que ás 13.00 horas ofrecerá Outra vez!, unha escolma de contos de aquí e de alá para contar sen parar na festa, na casa ou no parque e que a súa contadora denomina “unha selección de pequenas alegrías”.

Pablo Díaz e Olga Kirk abren a sesión da tarde ás 17.00 horas co seu espectáculo Canta música, un obradoiro concerto dirixido a un público familiar que mestura música tradicional coas cancións máis modernas dos discos de Pablo Díaz.

Ás 18.00 e as 19.00 estará o Baúl da tía Tola coa función teatral Estrazalonia, dirixida a crianzas de 1 a 6 anos, e que pretende estimular os sentidos a través das emocións, das sensacións, da sorpresa e da ilusión. A II Festa do Apego rematará con dous pases da actuación de Uxía Lambona e a Banda Molona, o primeiro ás 20.00 e o segundo ás 21.00. Esta banda reinterpretará clásicos populares galegos cun toque particular, desde A Carolina (rapeada) ata O Jato (rockeiro), ademais de temas propios nos que se reflicten variedade de estilos.

Pero tamén haberá actividades permanentes sen necesidade de inscrición previa na mesma casa da cultura da capital amesá en horario de 11.00 a 20.00 horas. Trátase do Espazo do Apego, con información sobre o programa Apego e os recursos que pon a dispor das familias; o Espazo de Recursos, no que haberá unha ampla mostra de materiais para facilitar a crianza en galego (contos, música, xogos...) e no que se ofrecerá asesoramento ás familias interesadas, e o Espazo de Xogos, que pon a disposición das persoas asistentes xogos de mesa en galego para todas as idades, deseñados e creados por Brazolinda.

19 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.