Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Galicia prevé "recuperar o 100%" de aforamentos, salvo en lecer nocturno, co fin da emerxencia sanitaria

Rueda aposta por estender o certificado covid a máis ámbitos para dar “seguridade”, pero lembra que precisa pronunciamento xudicial

SANTIAGO. EP. A Xunta espera poder "recuperar o 100% de aforamentos" na hostalaría con carácter xeral, fóra de ámbitos concretos co lecer nocturno, unha vez quede desactivada a emerxencia sanitaria pola covid-19 que permanecía vixente desde marzo de 2020. Será unha decisión que abordará este martes o comité clínico. Así o avanzou o vicepresidente primeiro do Goberno galego, Alfonso Rueda, nunha entrevista concedida este domingo á Radio Galega, recollida por Europa Press, na que recoñeceu que a situación sanitaria "mellorou" nas últimas semanas coa vacinación como "clave". "Hai que seguir sendo prudentes, pero o lóxico é que xa non teñamos esas restricións tan duras", avanzou o tamén conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, quen confía en que o decaimiento da emerxencia sanitaria supoña "non un retorno total á vida anterior, pero si parecido".

A próxima reunión do comité clínico que asesora á Xunta durante a pandemia celebrarase este martes, unha vez cumprido o ciclo epidemiolóxico de 15 días desde a última, que decretou aforamentos xerais do 90% para o interior e do 75% para o exterior de bares e restaurantes. Agora, "a idea é recuperar o 100% en moitos casos e, se non fose posible, nalgúns deixar restricións moi pequenas comparadas co que tiñamos hai pouco", explicou Rueda. Ademais, o vicepresidente primeiro da Xunta espera que se poida recuperar a normalidade no uso das barras dos bares --até agora, só os locais de 'nivel 2' de restricións poderían empregalas, aínda que con restricións--. "Vai ser unha boa noticia máis aló do anecdótico", agregou.

LECER NOCTURNO. No que respecta ao lecer nocturno, Rueda lembrou que ao comezar outubro activouse un novo protocolo e confía en que se poida ampliar tanto o seu horario --até as 4,00 da mañá se piden certificado covid de vacinación-- como o seu aforamento --até o 75% en interior--. Así, os pubs e discotecas poderán experimentar un novo alivio das medidas, aínda que se seguirán notando "nunha porcentaxe moi mínima", non para xerar unha actividade normal "pero si moi parecida e moi diferente ao que pensaban que ía ser hai uns meses".

CERTIFICADO COVID EN MÁIS ÁMBITOS .Así mesmo, sobre a posibilidade de ampliar a petición do certificado covid a outros sectores, o 'número dous' da Xunta mostrouse favorable porque "dá unha seguridade para ter unha vida normal en moitos aspectos". Iso si, lembrou que é un asunto que necesita ratificación xudicial e que hai que "axustar para garantir en todo momento os dereitos" dos cidadáns. Con todo, a Xunta non prevé por agora cambios no uso da máscara, dado que as pautas están marcadas a nivel estatal. Así, Rueda asegurou que en espazos interiores manterase "como chamada á prudencia". "Mentres sexa necesario, creo que é unha molestia mínima comparada co que tivemos que pasar", agregou.

17 oct 2021 / 19:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.