Dende o pasado venres 29 de novembro xa está dispoñible a primeira serie de debuxos musical en galego: Bibopalula. Ao longo dos capítulos, o público infantil acompañará ao paporrubio Robin, ao merlo Merí, á pega Pegi e ao picapau Carpin nas súas aventuras polo bosque. O ciclo das estacións, a chegada das andoriñas ou o nacemento das cegoñas, así como valores de amizade e compañeirismo son as ensinanzas que os catro paxariños vivirán en cada aventura froito da súa curiosidade polos acontecementos diarios no bosque. Ademais, a música convértese nunha das protagonistas da serie xa que xuntos forman a Banda do Bosque, un grupo musical co que interpretan pegadizas melodias sobre o aprendido en cada capítulo.

Fotograma de 'Bibopalula', a primeira serie musical de debuxos en galego Cedida

Andrés e Laura Mahía son os creadores desta serie pensada para o público infantil de 3 a 6 anos, feita integramente por profesionais galegos. A produción estivo a cargo de Álvaro Pérez Becerra e Javi Lopa, á fronte dun equipo de animadores e coa colaboración dos músicos Santi Jul e Iván Laxe, autores das cancións que a Banda do Bosque interpreta con instrumentos feitos a base de paus e follas. As voces dos princiapis póñenas Melania Cruz, Iria Lamas, Marta Lado, Marita Martínez e Xosé A. Touriñán.

Fotograma de 'Bibopalula', a primeira serie musical de debuxos en galego Cedida

Os 20 primeiros capítulos da serie, duns cinco minutos de duración, están xa dispoñibles en aberto na web xabarin.gal e na aplicación do Xabarín, a plataforma de contidos infantís en galego da Televisión de Galicia. En total, esta aposta de Undodez, a produtora liderada polo actor Xosé A. Touriñán, contará cun total de 55 episodios. A serie conta tamén coa participación da Televisión de Galicia e o apoio da Xunta a través da Agadic.

A aposta por máis contidos infantís en galego

Fotograma de 'Bibopalula', a primeira serie musical de debuxos en galego Cedida

O obxectivo dos creadores da serie non é outro que proporcionar aos nenos e nenas de toda Galicia contido infantil en lingua galega. Dando aos máis pequenos a posibilidade de ter o seu primeiro achegamento ás pantallas e de medrar con debuxos e cancións en galego. Neste sentido, Bibopalula é tamén a oportunidade de revivir o espírito do Xabarín e de que este se contaxie nos patios das escolas e nos espazos onde os nenos socializan, xogan e se divirten.

Logo da estrea a pasada fin de semana no Culturgal de Pontevedra, onde familias enteiras con cativos encheron o auditorio do Pazo da Cultura para asistir á presentación dos primeiros capítulos, arrincará unha intensa campaña de promoción ao longo do país para levar a serie a todos os rapaces e rapazas. Para os próximos meses está prevista a publicación dun conto realizado polos creadores de Bibopalula, unha unidade didáctica pensada para traballar nos centros de ensino, a aplicación para dispositivos móbiles da serie e a incorporación de todas as cancións e videoclips ás principais plataformas de streaming e Youtube. Ademais, Undodez xa traballa, da man da produtora de artes escénicas Ainé, na creación do espectáculo musical en vivo.