FUNDACIÓN EUGENIO GRANELL
Pablo Orza: Galicia, fío temático e conceptual
'3 Descensos Gz' é o título do proxecto expositivo co que o artista Pablo Orza (Zamora, 1971) conclúe a súa estadía na VIIIº edición das Residencias Artísticas da Fundación Eugenio Granell, sita no emblemático Pazo de Bendaña, na compostelá Praza do Toural

A exposición de Pablo Orza abre ata o 2 de febreiro na Fundación Eugenio Granell / Miguel R. Taboada
Pablo Orza licenciouse en Belas Artes pola Universidade de Salamanca. Fixo estudos de doutorado na Universidade Politécnica de Valencia e un programa de posgrao no Studio Arts Centers International de Florencia.
Iniciou a súa carreira profesional a finais dos 90 e dende entón expón asiduamente en galerías e institucións de Galicia e Portugal.
A obra de Pablo Orza

Pinturas figurativas de mediano formato sobre papel da Exposción 3 Descensos Gz / Miguel R. Taboada
No 2004 realiza (re-)Gz na galería SCQ de Santiago. Unha instalación coa que iniciaba un primeiro descenso consciente pola multidimensionalidade de Galicia e que poderiamos considerar como unha primera versión, 20 anos antes, da instalación Somatizar Gz na sala Philip West da Fundación Eugenio Granell.
O feito de terse mudado ao rural galego no ano 2000 foi determinante para (re-)Gz e tamén para a súa traxectoria artística en xeral. O contacto cos ciclos e forzas da natureza, os astros, as metamorfoses da paisaxe, o traballo da terra, a proximidade do mítico Pico Sacro coas súas covas de seixo, o lume da leña no inverno… van reconfigurando silandeiramente o corpo, dándolle outro pouso, abríndoo a dimensións sutís, máis cósmicas e enerxéticas.
Paseniño vai emerxendo unha respiración, un latexo demorado que é parte da nosa esencia e cuxa activación é, sen dúbida, terapéutica. Rexistrar este proceso deveu no principal asunto da súa actividade artística.
A actividade artística de Pablo Orza é fundamentalmente exploratoria. Traballa simultaneamente cunha gran variedade de soportes e técnicas (pintura, colaxe, fotografía, vídeo, música, danza, escrita). O movemento está na esencia da elaboración artesá da imaxe. O son é unha propiedade do movemento. O movemento xera conciencia. A conciencia fíxase coa palabra. A imaxe e a palabra compleméntanse, refórzanse. A pulsión creativa que emana das vivencias está a circular incesantemente reconfigurándose, retroalimentándose nos diferentes eidos da expresión.
Por outra banda, abstracción e figuración son graos nun continuo da visión. Constantemente acontece unha oscilación entre ambas modalidades. Neste senso, despois da sala coa instalación de Somatizar Gz, na que todo se atopa embarullado, as outras dúas salas procuran reflectir e explorar esta polaridade abstracto-figurativa.
Artista residente
Esta residencia non a enfocou tanto na produción de obra nova, aínda que si realizou algunhas pezas durante a mesma, senón que se centrou máis na revisión dun corpus de traballo xa preexistente e na súa organización para ser exposto. Unha tarefa complexa, pois estamos a falar dun amplo, por non dicir inxente, conxunto de obras que se foi constituíndo ao longo de máis de 25 anos.
Obras realizadas en diferentes épocas, en diferentes soportes e estilos, moitas delas non expostas con anterioridade. Neste sentido, non se quixo facer simplemente unha retrospectiva, senón que se procurou trazar un fío temático e conceptual que conectara as diversas pezas. O fío escollido é unha das temáticas máis recorrentes, entre outras, do seu traballo: Galicia.
A exposición

Instalación 'Somatizar Gz' na Exposción '3 Descensos Gz' / Miguel R. Taboada
O proxecto expositivo ocupa tres salas da Fundación Granell e realizouse en colaboración con Eduardo Valiña, comisario da exposición e Conservador xefe da fundación.
Dispoñer destas tres grandes salas foi, sen dúbida, unha oportunidade, mais tamén un reto. O proxecto expositivo é moi ambicioso, pois inclúe unha grande instalación chea de obxectos e mobiliario nunha das salas, ademais das proxeccións de vídeo, dos cadernos, dos lenzos e de moita obra en papel nas paredes das outras salas. A montaxe foi, por tanto, moi esixente, mais Pablo Orza tivo a sorte de contar cunha equipa de traballo moi profesional e entregada pra poder despregar todo este barullo de cousas. Foi tamén unha sorte poder dispor de medios tecnolóxicos como monitores, pantallas e proxectores de vídeo…
Entre as tres salas da exposición, a primeira que atrapa a atención do visitante é a Sala Philip West que se atopa totalmente ocupada cunha grande instalación denominada Somatizar Gz. Nela vemos unha cama de masaxe entre vitrinas, televisores, mesas e estantes ateigados de obxectos baixo un teito cuberto de bandeiriñas de plástico de Galicia. Esculturas e máscaras africanas da colección persoal de Eugenio Granell, cadros seus con temática galega, fotografías e obxectos icónicos de todo os ámbitos de Galicia: etnográfico, político, monumental, histórico, empresarial, simbólico… Obras de Orza de todas as épocas, cabos, arames, diagramas anatómicos, mapas de Galicia, ferramentas e ferralla electrónica, moito seixo, rochas e arxila, capachos, raíces… enchen o espazo da sala dando a sensación de estar nun galpón delirante.
- De las aulas de Santiago a la graduación en Michigan: la historia de éxito de Carlota Garabato en Estados Unidos
- Buscan figurantes en Santiago para la nueva película de Vaca Films: estos son los requisitos
- La panadería de Santiago que triunfa con su café con flores: 'Estamos vendiendo más flores que pan
- Boiro atesora los restos de un templo de hace catorce siglos, uno de los más antiguos de Galicia
- Sorpresa en Noia: un tendal de setenta metros sobre la ría
- La USC sitúa a tres investigadores entre los jóvenes más destacados de Galicia por sus avances en energía, obesidad y turismo
- El legendario París-Dakar revive en Fontiñas: así es la versión del barrio compostelano
- La SD Compostela logra la ansiada remontada contra el Atlético Arteixo tras sufrir en la prórroga