Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O informe do Observatorio da Cultura Galega alerta: o galego non conecta cos novos públicos

O 74% das entidades culturais incrementarían a súa produción en galego para a mocidade se existisen máis apoios, pero a oferta actual segue moi por debaixo da demanda social

Só un 37,7 % da produción de contidos en galego está dirixida especificamente á mocidade

Só un 37,7 % da produción de contidos en galego está dirixida especificamente á mocidade / Jordi Cotrina

Valeria Pereiras

Valeria Pereiras

Santiago

A cultura galega ten público, ten demanda, e tamén vontade de medrar en galego, pero carece da oferta suficiente para conectar coas xeracións máis novas. Esa é unha das principais conclusións do informe Demanda e oferta de produtos e servizos culturais en galego para a infancia e a mocidade, presentado este xoves pola presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e o responsable do Observatorio da Cultura Galega, Håkan Casares.

O estudo, pioneiro nesta liña de análise, revela que un 74,4% das entidades culturais estaría disposta a incrementar a súa produción en galego se se aplicasen medidas de apoio, como subvencións ou promoción nos centros educativos. Malia esta predisposición, a diagnose global mostra unha fenda significativa entre a demanda social e a oferta cultural en lingua galega, especialmente nos formatos dirixidos ao público infantil e xuvenil.

Oferta escasa en videoxogos, redes sociais, audiovisual e divulgación científica

Un dos datos máis preocupantes do informe é que en ningún ámbito analizado se supera o 51% de percepción dunha oferta suficiente en galego, e en sectores clave como os videoxogos, as redes sociais, o audiovisual ou a divulgación científica, a meirande parte das entidades considera que a oferta é moi escasa. Só un 6,2 % das persoas consultadas ve suficiente a presenza do galego nos videoxogos.

A análise tamén constata que o 27,9% das entidades culturais percibe un incremento da demanda de contidos en galego por parte da mocidade, aínda que só un 37,7 % da produción en galego está dirixida especificamente a este público. Segundo o estudo, en 2024, o conxunto do sector realizou o 54,67% da súa produción en galego, con cifras moi dispares segundo a actividade: mentres a educación cultural ou os museos superan o 60%, as artes gráficas ou o deseño apenas chegan ao 24% e 12%, respectivamente.

Fotograma de 'Bibopalula', a primeira serie musical de debuxos en galego

En 2024, o conxunto do sector cultural realizou o 54,67% da súa produción en galego / Cedida

Menos galego nas empresas culturais privadas

As entidades públicas e sen ánimo de lucro son as que manteñen unha maior produción en galego (64,1% e 54,5%, respectivamente), fronte ás empresas privadas, que non chegan ao 28%.

A falta de oferta para os novos públicos non se explica pola falta de interese do sector, segundo destacou Casares: “Hai demanda, falta oferta e, se se toman medidas, o ámbito cultural está disposto a incrementar a produción”. A presidenta do CCG engadiu que este informe responde á vontade da institución de “atender aos dereitos culturais e lingüísticos da cidadanía, e identificar as lagoas que impiden unha transmisión xeracional efectiva do galego no eido cultural”.

Medidas a aplicar

Entre as medidas máis apoiadas polo sector para reverter esta situación destacan o fomento do consumo de contidos en galego nos centros educativos (92,8% de apoio), a creación de contidos dixitais en redes e plataformas (90,8%), e as campañas de promoción con referentes da mocidade (83,9%). A creación dunha plataforma que agrupe toda a oferta en galego para infancia e mocidade tamén conta cun amplo respaldo (82%).

O informe, que xa está dispoñible para descarga (podes lelo aquí), supón o punto de partida dunha nova liña de traballo do Observatorio da Cultura Galega centrada en atender o público máis novo e contribuír a garantir a súa conexión efectiva coa lingua e cultura galegas.

Tracking Pixel Contents