Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Manuel Seoane, o mellor gaiteiro do mundo: "O trofeo lévoo eu pero non deixa de ser para Galicia"

O gaiteiro de Sobrado dos Monxes, afincado na Coruña, álzase co máximo galardón de gaita do Festival de Lorient

O gaiteiro Manuel Seoane, despois de gañar o trofeo MacCrimmon no Festival Intercético de Lorient.

O gaiteiro Manuel Seoane, despois de gañar o trofeo MacCrimmon no Festival Intercético de Lorient. / LOC

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Á. Abeledo

A Coruña

O Festival Intercéltico de Lorient coroa a Manuel Seoane coma o mellor gaiteiro do concurso, levando o trofeo MacCrimmon, a máxima insignia no mundo da gaita. Este festival é o maior encontro celta do mundo, onde representantes das distintas nacións celtas --Irlanda, Escocia, Bretaña, País de Gales, Cornualles, Illa de Man, Galicia e Asturias-- xúntanse para compartir a súa cultura, música e baile.

Na quincuaxésimo quinta edición deste certame participou Manuel Seoane, orixinario do municipio de Sobrado dos Monxes e veciño da Coruña. "Levo tocando a gaita dende os catro anos, empecei na Asociación Cultural A Maristela de Sobrado dos Monxes". Seoane levaba sete anos presentándose a este concurso e este ano foi seleccionado e laureado.

O camiño cara a Lorient

O proceso de selección para participar en Lorient consiste nunha proba técnica que fai a delegación galega. "Calquera persoa que considere que quere participar no festival tense que apuntar ao concurso de selección que saca a delegación galega. Tes que mandar unha gravación onde toques unha peza, e a maiores cobres unha inscrición básica. Logo hai un concurso no que a delegación escolle a catro gaiteiros", explica Seoane. Xunto a Manuel, tamén foron seleccionados Héctor Lomba, Antón Franco e Ismael García para representar a Galicia.

Na actuación cada gaiteiro debe tocar unha peza do repertorio galego, bretón e asturiano. "As pezas teñen que ser axeitadas en canto á tradición de cada zona, aí é onde recae a complexidade. Na música galega temos unha vertente mais permisiva respecto á autoría das obras, podemos levar tanto pezas tradicionais como de autor, pero teñen que gardar a estética tradicional. Pero as pezas asturianas e bretoas teñen que ser pezas completamente tradicionais", indica Seoane.

A preparación previa ao concurso require moitos meses de ensaio. "É unha carreira de fondo, cando non te collen volves intentalo xa enfocado no ano seguinte. Para a preselección xa ensaias un mes ou dous meses en modo intensivo, e se tes a sorte de clasificarte xa botas varios mesiños con ensaios para preparar ben as pezas para o festival", sinala o gaiteiro.

Obxectivo MacCrimmon

O Trofeo MacCrimmon de Gaita é o concurso para solistas máis prestixioso do mundo. "Este trofeo para calquera gaiteiro ou gaiteira é o Óscar da gaita, eu sempre tiven a sorte de estar rodeado de xente que o gañou ou que tivo a sorte de poder representar a Galicia no trofeo", expresa Seoane. Este premio gañárono gaiteiros de renome como Carlos Núñez, Daniel Bellón, Edelmiro Fernández ou Pedro Fariñas, entre outros. Este trofeo sempre estivo presente na vida de Seoane. "O meu primeiro profe de gaita, Suso Escariz, chegou a quedar segundo, sempre estiven moi ben rodeado e tiven este concurso no horizonte. Despois de estar sete anos pelexando por este obxectivo, non son capaz de asimilar que o conseguira, teño a sensación de estar nunha nube. O trofeo lévoo eu, pero non deixa de ser para Galicia", indica Seoane.

Participar no Festival Intercéltico de Lorient é a meta de moitas asociacións, grupos ou bandas do mundo do baile e a música tradicional. "É unha ocasión sensacional para poder amosar a nosa cultura. Son viaxes moi especiais para nós, porque é o festival de música celta máis grande do mundo e aquí non hai nada similar, entón síntese como algo súper respectado e moi ben valorado. É unha honra vir e actuar neste tipo de festivais", afirma Seoane.

O gaiteiro, que leva cinco anos no grupo de baile de Cantigas e Agarimos, tamén se propón participar no festival bailando. "Teño a espiña cravada de participar como bailador no Festival de Lorient. Un ano tamén vin cunha banda, pero a bailar nunca", remata Seoane.

Suscríbete para seguir leyendo

Fuente: La Opinión A Coruña

Tracking Pixel Contents