El Correo Gallego

Cultura | cultura@elcorreogallego.es

galardón

A Fundación Otero Pedrayo dálle a John Rutherford o Trasalba

A edición do 2007 do premio recoñece, no profesor, a mellor tradición dos estudos galegos no mundo

REDACCIÓN • SANTIAGO   | 14.04.2007 
A- A+

A Fundación Otero Pedrayo acordou concederlle ao profesor británico John Rutherford o Premio Trasalba 2007, recoñecendo a tradición e o traballo dos profesores que, sen seren de nación galega, veñen traballando polo coñecemento e a difusión da nosa lingua, da nosa literatura e da nosa cultura no mundo, proxectándonos cara á universalidade, tal que preconizaban os pais do galeguismo.

Nesa tradición están algúns dos primeiros descubridores e editores dos cancioneiros medievais galego-portugueses a finais do século XIX e nos primeiros anos do século XX (Carolina Michaëlis de Vasconelos, Henry R. Lang, Rodrigues Lapa, Ernesto Monaci, Enrique Molteni, Jose J. Nunes?), mestres da lingüística románica como Joseph Piel, Gustav Gröber, Fritz Krüger ou Dieter Kremer, historiadores e críticos literarios como Giuseppe Tavani, Giulia Lanciani, Anna Ferrari, Elsa Gonçalves, etc., e mais as novas xeracións de profesores e investigadores, que formados na escola dos primeiros e nos centros de estudos galegos de Europa e de América, incorporan nova xeira á tradición.

John Rutherford (Saint Albans, Reino Unido, 1941) é na actualidade profesor no Queen"s College da Universidade de Oxford e presidente do Centro de Estudos Galegos desa universidade. Foi fundador e presidente da Asociación Internacional de Estudos Galegos, que reúne estudosos de arredor de 50 universidades de todo o mundo interesados na nosa lingua e na nosa literatura; e ademais dos seus méritos de investigación, é autor dunha novela en lingua galega, As frechas de ouro (Galaxia, 2004).