Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
literatura

Rafa Villar indaga na fuxida do tempo en "Escoración dos días"

Ediciós do Castro publicará o novo libro do poeta ceense, premiado co Eusebio Lorenzo Baleirón ·· O novo volume fala do paso dos anos e das cuestións trascendentais que, a cada volta, é necesario ir rescatando

Logo de cinco anos de parón "literario", o escritor e portavoz de Nunca Máis, Rafa Villar (Cee, 1968) acaba de gañar a décimo novena edición do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón co seu libro Escoración dos días que será publicado por Ediciós do Castro. Ao escritor resultoulle "moi grato" que un xurado de "xente máis nova ca min como Olalla Cociña e Daniel Salgado" o elixise para o galardón, dotado con 2.300 euros, que se lle entregará este domingo, día 17 , no colexio público de Dodro. Escoración dos días retoma dous tópicos: o tempus fugit, "presente en todas as literaturas e épocas" e a falta de tempo na sociedade actual "xa que parece que non nos chega a nada". Trata así desas cousas que están na vida das persoas pero para as que parecen que faltan as horas para atendelas como "a mesma poesía, e cuestións transcendentais que hai que rescatar día a día", explica.

Villar, licenciado en filoloxía galego-portuguesa e comprometido na súa vida pública como portavoz de Nunca Máis ou cofundador do Batallón Literario da Costa da Morte, asegura que o seu "compromiso como poeta é estético; o libro reflicte cousas da miña vida, de alguén que está preocupado pola lingua, o país e a identidade", afirma. "Non concibiría unha obra comprometida de alguén que na súa vida se mantén á marxe", engade.

Impulsor xunto con outros quince escritores da colección de poesía Letras de Cal que rematou en 2001, Rafa Villar non pensou en volver repetila xa que a iniciativa "naceu para promover a divulgación da poesía, pasou nun tempo moi determinado e diferente a agora pois o proxecto necesitaría unir moitas vontades".

Para o vindeiro ano, Rafa Villar, que publicou Liques da memoria (1993), No mesmo espacio (1995), Ícaro (2000) ou Illa dentro (só por internet, 2001), vai ver publicados tres volumes novos: Memoria de acab que editará Sotelo Blanco no primeiro trimestre do ano, Acuarelas, o seu primeiro libro de poemas infantís, que tirará do prelo Galaxia e este Escoración dos días, que sacará Ediciós do Castro.

Un aspecto que xerou certa polémica no Premio Eusebio Lorenzo Baleirón a Rafa Villar é que o seu irmán, Miro Villar, formaba parte do xurado que o concedía, pero decidiu renunciar ó considerar que podía incorrer en incompatibilidade con algúns dos autores que se presentaban.

O escritor réstalle importancia ao sucedido e explícao como unha anécdota. "Mandei o libro ó premio hai uns meses sen dicirllo ao meu irmán e despois, chamaron a Miro para participar no xurado. Xusto unha semana antes da resolución, meu irmán chamoume porque un dos libros que estaba lendo para o premio pareceulle que era meu porque a miña poesía é moi recoñecible".

A CLAVE

Unha simple anécdota

O poeta asegura que a súa primeira reacción foi "querer retirar o libro para que non se dixera que fora tongo, pero entón Miro díxome que era mellor que el renunciase ao xurado e así o fixemos" .

exto

14 dic 2006 / 01:32
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito