Adeus ao gafe

Membros da Peña Os Dous tampouco fallaron esta vez para acompañar ao seu equipo ata Vigo. Foto: S.E. / Silvia Castiñeiras
Silvia Castiñeiras
Estes días comentaba con Antonio Quinteiro aquel ascenso de hai uns anos en Cieza (Murcia). Falabamos da festa que se montara aínda estando a tantos kilómetros, e da celebración diferente, no caso de conseguir subir a Segunda B, que teríamos que vivir nesta ocasión estando a tan pouca distancia. Así se deron as circunstancias deste estrano 2020, pero nada, nin un virus, pode frear a paixón do compostelanismo. Demostrado quedou nunha intensa xornada na que cada quen atopou a maneira de vivir ao grande e saborear a conciencia este play-off por máis exprés que fora.
Había moita gana de ascenso na familia da Esedé, despois dos dous intentos anteriores que nos deixaron co mel nos beizos. Recordo no último partido da campaña pasada a Yago Iglesias coa súa nena no colo saudando ao entrar polo túnel de vestiarios a modo de despedida, como pensando “ata aquí cheguei”. Creo que merecía por fin adicarlle a Martina un triunfo e entrar contento por ese túnel, aínda que fora o de Balaídos. Tras dúas magníficas tempadas con final infeliz, penso que todos nos preguntabamos quen sería o gafe.Tivo que vir unha pandemia para que non puideramos asistir ao campo e librarnos de tal peso de ser o responsable da mala sorte. Partido libre de gafes e ascenso conseguido.
Recomendaba o club animar dende Santiago, mantendo as precaucións nas reunións, e mandar folgos dende as redes sociais, pero quen se pode aguantar! Moitos dedicidiron estar o máis preto posible e en Vigo os Fendetestas e outros siareiros, uniformados con máscaras, non deixaron de arroupar ao equipo e de crear ambiente festeiro dende a chegada da comitiva branquiazul ao exterior do estadio.
Tampouco lle faltou pulo en forma de vídeo a xogadores e corpo técnico, no que familiares e amigos enviaron o seu apoio e que visionaron pola tarde. Na cidade olívica non faltaron Mar e Paco, que conforman dende hai anos a Peña os Dous. Xa ía sendo hora de que puideran facer o álbum dos seus soños, o do ascenso que viviron a través de tres televisores nun bar a carón do campo celtista. Mentres, na capital galega, no día grande das festas, as rapazas de Ultreia ensaiaban na Quintana para a súa actuación da noite ben ataviadas coa indumentaria compostelanista. A Taberna de San Lázaro acollía unha vez máis á afección do Compos, que vivía con nervios minuto a minuto.
Caso especial é o do irmán maior dos Seoane Mella. Alberto seguiu a Jimmy e Saro cun grupo de amigos na súa casa, en tensión ata o final, cando por fin puido respirar por tres!
O equipo viaxou de seguido á casa, a Santiago, para celebrar o ascenso no Día do Apóstolo cuns pinchos no Hotel Puerta del Camino. Yago xa pode cambiar a foto do Facebook, aquela de hai un ano entrando polo túnel de vestiarios de San Lázaro. Esta vez a historia por fin nos deixou escribir outro final, o merecido.
- Reabre en Santiago una de las cafeterías más queridas del casco histórico: 'Volvemos con la misma ilusión y ganas
- Un compostelano idea una pasarela mirador bajo el viaducto del Miño con vistas privilegiadas de Ourense: 'Ojalá sea una realidad
- El aeropuerto de Santiago cambia Heathrow por Gatwick, pero mantendrá su vuelo diario con Londres este invierno
- Circula en dirección contraria esquivando coches en Santiago y desoye las advertencias de los viandantes: 'Quen eres ti pa mandar
- El palacete de casi 2 millones en Santiago que 'recuerda a Downton Abbey': una joya arquitectónica que no encuentra dueño
- Avistan un ejemplar de la tortuga más grande del mundo en Fisterra
- El outlet Área Central de Santiago alarga este viernes su hora de cierre para convertirse en una 'Jungla' con descuentos del 50%
- La instalación de caños en las gárgolas del Hostal se planteó hace casi 600 años