Triunfos de Bea Barroso e Manuel Piñeiro no IV Trail e Andaina Ribeiras do Tambre

Na categoría por equipos, o C.A. Cambados-Seguros Noval revalidou o seu triunfo da última edición, con seis corredores no ‘top 30’ // Na proba participaron 341 persoas

Na imaxe, o podio da cuarta edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, unha proba na que participaron 341 persoas / |  C. A.

Na imaxe, o podio da cuarta edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, unha proba na que participaron 341 persoas / | C. A. / JACOBO TÁBOAS

O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizaron o pasado domingo a cuarta edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, que arrincou ás 10.00 horas na Ponte Maceira. Os corredores do trail afrontaron un percorrido de 16 quilómetros ata as instalacións do Real Aeroclub de Santiago, en Piñeiro. Cinco minutos despois comezou a proba para os inscritos e inscritas na andaina, que tivo unha ruta algo máis curta, duns 15 quilómetros. En total, participaron 341 persoas.

A primeira en cruzar a meta na categoría absoluta feminina foi Bea Barroso, do Club Atletismo Noia, cun tempo de 1:30:00, mentres que o gañador na proba masculino foi Manuel Piñeiro, do Club Atletismo Cambados Seguros Noval, que obtivo unha marca de 1:11:42. Óscar Guerra Magán, cun tempo de 1:11:58, foi segundo e Maxi Oubiña Falcón, cun rexistro de 1:12:49, completou o podio. Ambos atletas tamén pertencen ao C. A. Cambados Seguros Noval.

Na categoría feminina absoluta, Lucía Peón Santomé, de Pandilla de vagos, cun tempo de 1:33:54, foi segunda e Eva de la Fuente Iglesias, do Club Deportivo Brión Hyupersa Santiago (1:39:06), finalizou terceira. Ambas acompañaron no podio a gañadora, Bea Barroso Pérez, do Club Atletismo Noia, que conseguiu unha marca de 1:30:00, cun ritmo medio de 5.37.

En canto á clasificación por equipos, o C.A. Cambados – Seguros Noval revalidou o seu triunfo da última edición, con seis corredores no top 30 e cunha puntuación de 61, conseguida ao sumar os postos dos seus seis mellores clasificados. O Club Deportivo Brión Hyupersa Santiago foi segundo, con 111 puntos, mentres na terceira posición quedou o Tribu Trail, con 178. A cuarta posición foi para Pandilla de Vagos, con 272 puntos; o BJ Running Team foi quinto, con 425 puntos; e o Club Atletismo O Pino, sexto, con 685.

A entrega de premios tivo lugar na parroquia de Piñeiro, nas instalacións do Real Aeroclub de Santiago, onde finalizou a proba. Alí acudiron representantes do Goberno local de Ames e dos grupos políticos con representación na Corporación municipal. Recibiron galardóns os tres primeiros clasificados de cada categoría e mailos catro primeiros clubs da clasificación do trail. Houbo un agasallo técnico pola súa participación tanto para os participantes no trail como na andaina.

Ademais, entregáronse premios especiais aos catro primeiros equipos tanto federados como populares. Para elo tomouse como referencia os seis primeiros clasificados de cada equipo, a suma dos seus postos (no caso de empate tomouse como referencia o 6º mellor clasificado do equipo e os conxuntos puideron ser mixtos).

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, que participou na andaina xunto ao alcalde de Ames, Blas García, agradeceu “a colaboración da Policía Local, Protección Civil, Federación Galega de Atletismo, e o seu presidente Iván Sanmartín, polo traballo nos días previos”. “Tamén quero agradecer”, engadiu, “o traballo do técnico de Deportes, Alberto Viaño, e a B&J Trainers, así como a Froitería Tarela que nos dou as laranxas e plátanos para que os participantes colleran forzas na metade do camiño”.

Tamén tivo palabras de agradecemento para o presidente do Real Aeroclub, Celso Barrios, “por acoller o final da proba e a entrega de premios nas súas instalacións”. “Grazas tamén aos compañeiros da Corporación por achegarse a esta cita. E grazas a todos os participantes e parabéns aos premiados, desexo que desfrutaran dunha mañá de deporte en Ames”, destacou Señorís durante su intervención na entrega de premios.