O Grove vai decidir esta fin de semana dúas prazas para o sector nacional de balonmán

O clube organizador está a preparar moitas sorpresas para toda a afección

As autoridades no consistorio do Grove presentando o torneo / f.b.

As autoridades no consistorio do Grove presentando o torneo / f.b. / víctor furelos

Esta fin de semana celebrarase no pavillón Novo Monte da Vila de O Grove a Final Four de 1ª Autonómica Masculina e Feminina, nas que se poñen en xogo dúas prazas (unha por categoría) para a disputa do sector nacional.

No Concello do Grove tivo lugar a presentación deste evento, na que participaron o alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos; a deputada provincial Noemi Outeda; o xefe provincial de Deportes da Xunta, Daniel Benavides: o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López; o concelleiro de Deportes do Grove, Santiago Meis; e en representación do Rasoeiro BM, clube organizador, Diego Gondar (presidente), Patricia Sánchez (secretaria) e Fabián González (adestrador do primeiro equipo masculino).

A 1ª Autonómica é a máxima categoría sénior do balonmán galego e esta tempada, trala disputa da Liga regular, proclamáronse campións o Calvo Xiria (categoría feminina) e o Indupor BM Porriño (categoría masculina). Os dous equipos, como campións, teñen unha praza para disputar o sector nacional, na que loitarán polo título de campións de España de clubs.

Galicia ten outra praza máis para os sectores nacionais por categoría e o ganador da Final Four será o posuidor desa vacante. Na Final Four de 1ª Autonómica Masculina participarán o Culleredo (2º clasificado de Liga), Seis do Nadal (3º clasificado), Poio Artai (4º) e Rasoeiro (clube organizador e 5º clasificado).

Na Final Four de 1ª Autonómica Feminina os equipos participantes son BM Cangas (2º clasificado de Liga), SD Samertolameu (3º clasificado), Balonmano Reconquista de Vigo (4º clasificado) e UB Lavadores B (5º clasificado). O sábado celebraranse as semifinais e o domingo a loita pola terceira e cuarta posición e as finais.

O clube organizador está a preparar moitas sorpresas para toda a afección que se achegue ata o pavillón Novo Monte da Vila. Haberá concertos, actividades para os cativos, pintacaras para levar ás cores do teu equipo, cantina, pulpeiro e moitas cousas máis. A día de hoxe está vendido máis da metade do aforo e o abono para os dous días é de 10 euros para os adultos.