Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Pilar Lueiro Concelleira de deportes de Santiago de Compostela

“Temos que acordar coa USC e coa Consellería de Educación para aproveitar os seus pavillóns”

Entrevista a Pilar Lueiro, concelleira de Deportes de Santiago de Compostela

Jesús Prieto

André Couce

André Couce

Santiago

Pilar Lueiro García é a nova concelleira de Deportes, Relacións Veciñais, Festas Rural e da Unidade Municipal de Atención a Drogodependencia. Dentro do ámbito deportivo, ten como principal meta acadar que os equipos da cidade dispoñan dos espazos necesarios para desenvolver as súas actividades e que as instalacións estean ao nivel da cidade e das necesidades dos deportistas.

Que obxectivos se marca como concelleira de deportes?

Como concelleira de deportes, márcome como obxectivo principal poñer a Santiago na elite do deporte. O que pasa é que cumpren infraestruturas, entón é un traballo que temos para curto, medio e longo prazo. O traballo está dirixido de esa maneira. A curto prazo, estamos traballando xa na campaña vindeira, que comeza nun mes; a medio prazo, xa estamos pensando na campaña seguinte; e a longo prazo, o que digo xa ó empezar: queremos que Santiago sexa elite do deporte. A curto prazo temos varias actuacións previstas. Unha delas é cambiar o lucernario do pavillón do CEIP de Roxos. Outra é actuar sobre o pavimento do pavillón do CEIP de Vite. E unha obra de máis envergadura é poñerlle un chan radiante no pavillón de Pío XII, que vai durar a obra arredor de 2 meses, para evitar as humidades. Esperamos que solucione que a día de hoxe os pavillóns teñen unha media de 2-3 días pechados durante o curso polo tema das humidades, entón non está a pista para practicar deporte. Por iso son actuacións urxentes e rápidas que teñen que estar listas para o comezo do curso escolar.

A qué clubes pretende levar a elite?

O tema do deporte de elite basease máis nas infraestruturas porque, senón as temos, os nosos deportistas e os nosos clubs marcharán da cidade e buscarán outras alternativas. A nós o que nos interesa é que permanezan na cidade, clubs e deportistas. Estamos tendo varias reunións con diferentes disciplinas. Teremos que priorizar, mirar tamén cales son as necesidades básicas e promocionar diferentes espazos para axudar os clubs. Estamos para mellorarlles a vida aos clubs.

Sobre as reunións cos clubs, que preocupacións lles transmitiron?

Estamos tendo reunións semanais. Estamos reuníndonos con diferentes clubs e a día de hoxe tivemos reunións con entidades de natación, de triatlón, baloncesto e hoxe mesmo temos unha cun club de enduro. Temos máis fixadas e estamos recollendo necesidades e demandas. Ademais de ter estas reunións formais, de maneira informal tamén nos están chegando demandas, estou falando con xente, pero á espera de ter axenda para recibilos a todos.

En relación a un dos deportes que vostede menciona, o Triatlón Santiago non pode cubrir as súas necesidades nas piscinas. Van construír ou ampliar as instalación destinadas a deportes acuáticos?

A ver, que é evidente a falta de espazos deportivos na cidade, salta a vista. Que hai necesidades de espazos para deportes de auga, iso xa é flagrante. Que ocorre? Que as horas en auga son as que hai. Temos a piscina de Santa Isabel, xa moi vella, temos a piscina de Sar, que agora durante o verán tamén ten máis demanda para o lecer, e teremos que ir conxugando unhas actividades con outras. Non podemos favorecer a uns e desfavorecer os outros. Entón, se falamos dese tema, co triatlón veremos como podemos solventar ese problema.

Os clubs que precisan de pavillóns ou campos de fútbol tamén precisan máis espazos. Que medidas tomarán neste sentido? Considérase a construción dalgún pavillón ou habilitar os que hai para máis deportes ou horarios?

Sobre os espazos, xa dixemos que temos un déficit evidente de instalacións e a maiores temos que sumar que algunhas delas quedan obsoletas. A curto prazo, temos que ordear o mellor posible as actividades no que temos. A medio prazo, temos que chegar a acordos coa Universidade (de Santiago de Compostela) e coa Consellería de Educación, que ten pavillóns para aproveitar as horas non lectivas para os deportes da cidade. E iso é no que estamos.

Temos un déficit evidente de instalacións e algunhas delas quedan obsoletas. A curto prazo, temos que ordear as actividades no que temos. A medio prazo, temos que chegar a acordos coa Universidade e coa Consellería de Educación, para aproveitar as horas non lectivas para os deportes da cidade

Está a considerar algún tipo de convenio coa USC para que os clubs da cidade poidan aproveitar os seus espazos deportivos?

Nós coa USC temos boa relación e agora estamos pendentes de sentarnos a falar das condicións para un posible convenio. Porque é certo que o Concello de Santiago tamén investiu cartos nesas instalacións, entón tamén temos que ver como conxugamos as actividades da universidade con actividades municipais.

Os dous equipos máis representativos da cidade son o Obradoiro e a SD Compostela. Que liña vai ter o Concello cos dous equipos que requiren do maior investimento e instalacións?

Se falamos de Compostela e Obradoiro, son os equipos que levan o nome da cidade polo Estado. Entón, nós con eles teremos a máxima colaboración. Temos pendente reunirnos con eles, sentarnos. Eu estou seguindo a actualidade deportiva dos dous clubs, porque temos que chegar tamén a acordos de axuda mutua.

En todo o conxunto de ambos equipos, contando coa base, tamén requiren de máis espazos. Neste sentido, que ideas tedes de cara a estes clubs sen que afecte ó resto de entidades máis humildes? É posible que o Obradoiro use o Multiusos Fontes do Sar e a SD Compostela o anexo de San Lázaro para máis equipos ó telos case en exclusividade?

Tanto Compostela como Obradoiro, os espazos que teñen son os mellores que hai na cidade. Con melloras, que hai que facer melloras, porque o mantemento hai que facelo. Pero claro, eles teñen máis vantaxes como clubs grandes que os clubs pequenos. Temos que ver a maneira de casar as demandas dos clubs pequenos coas deles. Trataremos de contentar a todo o mundo, pero iso é moi difícil. A ver como arranxamos para comezos de tempada, e xa digo, a curto e a medio prazo.

Que propón o Concello para fomentar o crecemento dos clubs máis humildes ou que nazan novas entidades deportivas?

A ver, nós máis que medrar ou axudar a crear novos clubs, o que temos é un plan para traballar man a man. Queremos fomentar desde o Concello, na nosa área, clubes de deportes minoritarios, asociacións que traballen con persoas con maiores dificultades e os equipos femininos. O noso traballo é dálos a coñecer, planificar actividades nas que se fagan visibles e apoialos todo o que poidamos.

Compostela e Obradoiro son os equipos que levan o nome da cidade polo Estado. Teremos a máxima colaboración. Temos pendente reunirnos con eles

Cada vez hai máis demanda do deporte feminino. Como pensa fomentalo?

Como muller, como feminista e como parte dun goberno con marcado espírito feminista, por suposto que en nós está axudar os equipos femininos. Por que? Porque temos que poñelos ó mesmo nivel que os equipos masculinos, con chamamentos ó seu apoio e con campañas de sensibilización e promoción. E ademais, unhas medidas que temos que poñer en práctica canto antes son as de conciliación, para achegar a máis mulleres ó deporte. O problema das mulleres moitas veces é a conciliación.

Quere potenciar algún equipo para ser a bandeira do deporte feminino compostelán?

Respecto aos equipos masculinos, non me atrevo a dicir “este vai ser o equipo bandeira da cidade”. Hai que axudar a todos os equipos da cidade. É certo que hai equipos que teñen máis fichas ca outros, entón, ó mellor o seu propio peso xa nos leva a que teñan máis apoio. De todos os xeitos, este é un traballo que ten que partir, e niso estamos falando coa Conselleria de Educación, da escola e da base dos equipos. Temos que traballar conxuntamente e, como digo, poñer o deporte feminino á altura do masculino.

Pensades en falar cos colexios para que cedan os seus espazos deportivos para os clubs para paliar o problema de instalacións?

Aquí en Santiago, os pavillóns dos colexios públicos xa son do Concello. Aí temos que ir conxugando horario de ANPA con horario de clubs. Chegar a acordos con outros espazos deportivos de colexios concertados ou privados, máis adiante teremos que mirar se se pode facer. En principio, a nosa idea é falar coa USC e coa Consellería de Educación para habilitar os espazos dos IES, porque os dos CEIP son os que usamos. Os dos IES son os que están infrautilizados.

Tracking Pixel Contents