O Sigüeiro renova co Compos e seguirá sendo o seu filial

O equipo 'B' dos santiagueses vén de proclamarse campión da Copa do Sar

Roque, Kike Vidal e Hugo Matos foron os últimos futbolistas en dar o salto desde a canteira

Miguel Fernández, xerente da SD Compostela; e Antonio Liñares, presidente do Sigüeiro FC, asinando o acordo

Miguel Fernández, xerente da SD Compostela; e Antonio Liñares, presidente do Sigüeiro FC, asinando o acordo / SDC

A SD Compostela confirmou este mércores pola mañá que o Sigüeiro FC, novo campión da Copa do Sar tras vencer este sábado ao Noia na final (1-0), seguirá sendo o seu filial na tempada 2024-2025. O acordo xa foi asinado por Miguel Fernández, xerente da SD Compostela, e Antonio Liñares, presidente do Sigüeiro FC.

Froito dos grandes resultados logrados nestas tres campañas xuntos, ambos clubs decidiron renovar o seu convenio de colaboración. Deste xeito, o conxunto de Oroso, que milita na Preferente Galicia, seguirá actuando como filial do Compos.

"Este acordo supón unha gran noticia, xa que o Sigu permitiu a moitos xogadores da Canteira Picheleira dar o salto ao fútbol profesional, tendendo unha ponte entre a idade xuvenil e o primeiro equipo da SD Compostela", sinalan dende o clube a raíz da nova vinculación.

"Nesta liña, o Sigüeiro foi un trampolín nestas tres últimas tempadas para os xogadores mozos branquiazuis", remarca a entidade. Moitos deles alternaron a súa presenza no filial con participación nos adestramentos do primeiro equipo e mesmo gozaron de minutos co Compos. Só nesta última campaña, 6 xogadores do filial disputaron encontros na Segunda RFEF.

Ademais, cabe destacar os exemplos de Roque, Kike e Hugo Matos, futbolistas da casa que deron o salto ao primeiro plantel branquiazul desde o conxunto orosano.

Do mesmo xeito, este convenio tamén reforzou ao Sigüeiro, como demostran as súas últimas campañas no Grupo Norte da Preferente Galicia. O filial nutriuse nestes anos dos principais xogadores da Canteira Picheleira, futbolistas que tiveron un papel moi destacado no club, como demostran os dous cursos nos que pelexaron polo ascenso a Terceira RFEF.

Especial mención require esta última tempada, na que o Sigüeiro quedou a un paso do segundo posto, pelexando ata as últimas xornadas polo salto de categoría. Un brillante rendemento que se coroou, este pasado domingo, co terceiro título para a entidade da Copa do Sar.