O Compos pecha a banda esquerda coa fichaxe de Jesús Ocaña

O gaditano adoita actuar coma lateral zurdo, pero a súa gran capacidad ofensiva permítelle xogar tamén coma extremo

Disputou tres tempadas na categoría co Xerez Deportivo, Navalcarnero e Sanse, chegando libre deste último

Jesús Ocaña, nuevo fichaje del Compostela

Jesús Ocaña, nuevo fichaje del Compostela

Jesús Ocaña Sánchez (Sanlúcar de Barrameda -Cádiz-, 11/05/1997) converteuse esta mañá na sexta fichaxe da SD Compostela para a tempada 2024/25. O polivalente defensa zurdo, de 27 anos, conta con experiencia na Segunda RFEF e chega tras destacar no fútbol madrileño nos dous últimos anos, disputando senllos playoffs de ascenso. Firma por unha campaña, con opción a outra máis, tras quedar libre ao finalizar contrato no Sanse.

Jesús Ocaña é un futbolista zurdo que, polas súas características, pode actuar tanto de lateral esquerdo como de central ou mesmo de extremo. A súa potencia e velocidade permítenlle despregarse por todo o carril esquerdo, destacando tamén pola súa capacidade para chegar a área rival. Un futbolista que abarca moito campo.

Na última campaña, a nova fichaxe branquiazul foi unha das pezas destacadas da UD Sanse, equipo co que pelexou polo ascenso á Primeira RFEF ata a última eliminatoria, despois de terminar a liga na segunda posición. Tras superar unha lesión no menisco na primeira parte do curso, foi capital para o bo facer do conxunto madrileño, disputando 23 encontros entre a segunda volta e o play-off, todos eles coma titular, incluído os catro duelos da promoción, para superar os 2.000 minutos de xogo. Ademais, neles, anotou un gol e repartiu tres asistencias.

Deste xeito, consolidou as boas prestacións que xa acreditara o curso anterior no Navalcarnero, equipo co que tamén pelexou polo ascenso á Primeira RFEF ata a última eliminatoria. Neste caso, o seu protagonismo foi total, con máis de 3.300 minutos de xogo, repartidos en 38 partidos (33 de liga, 4 de playoff e 1 da Copa do Rey), nos que saíu sempre de inicio. A pesar de actuar como defensa, pechou o ano marcando 5 goles, o último deles na final polo ascenso.

Estes dous grandes anos en equipos madrileños do Grupo V da Segunda RFEF viñeron consolidar o potencial futbolístico do xogador gaditano, formado na canteira do Cádiz. Precisamente, no seu filial, Jesús Ocaña comezou a súa etapa como sénior, arrincando un periplo por diferentes equipos da Terceira División: Los Barrios, Arcos, Mallorca B, Mensajero e Cacereño, logrando o ascenso co cadro estremeño.

Con todo, o seu debut na Segunda RFEF, ao ano seguinte, sería nas filas do Xerez Deportivo, disputando esa tempada 32 encontros, máis de 2.500 minutos de xogo e 2 goles marcados.

Con esa ampla bagaxe e o bo facer demostrado nestas últimas campañas na categoría, Jesús Ocaña convértese na sexta fichaxe do Compos despois das de Javier Rabanillo, Diego González, Santi de Prado, Manu Rivas e Giuliano Bertino. Con eles, Antón Permuy conta a día de hoxe con: Javier Rabanillo, Brais, David Soto, Pablo Crespo, Álvaro Casas, Kike Vidal, Roque, Dani Varela, Santi de Prado, Jesús Ocaña, Samu Rodríguez, Gonzalo Landeira, Pablo Antas, Diego González, Hugo Matos, Manu Rivas, Giuliano Bertino e Manu Barreiro.