O luns comezará a campaña de abonados 'Quérote Compos'

A principal novidade é que será obrigatorio reservar o asento do Vero Boquete a ocupar

Facerse socio será gratis para os menores de 16 anos, os sub-30 co Carné Xove só pagarán 15 euros e todas as renovacións contarán cun 20% de desconto

'Quérote Compos' é o lema da nova campaña de abonados

'Quérote Compos' é o lema da nova campaña de abonados / Antonio Hernández

Mentres os xogadores da SD Compostela comezarán a adestrar o vindeiro mércores, o clube convocou o luns aos seus seareiros para preparar a tempada 24-25 co lanzamento da campaña de abonados 'Quérote Compos', anunciada esta mañá en As Cancelas.

Miguel Fernández, director xeral da entidade, explicou no centro comercial que "'Quérote Compos' é a campaña de abonados da SD Compostela para a tempada 24-25, coa que queremos mandar unha mensaxe á afección por ese amor incondicional cara o clube e tamén á cidade", revelando os detalles e novidades da mesma á par que facía un repaso de cómo rematou a pasada. "Queremos seguir captando xente nova, para o que pasada tempada foi moi boa baixándolle os prezos, e potenciar ás peñas, que son incondicionais e queremos que noten que dende o clube somos conscientes do seu apoio".

Según informou o director xeral, a tempada pasada houbo "1934 abonados, quedamos a menos de 70 de chegar a ese obxectivo dos 2.000". Engade, a pesar diso, que lles parece unha gran nova que "máis do 40% tiñan menos de 30 anos, datos que veñen derivados da campaña de precios que fixemos. Os menores de 16 anos non pagaban, os menores de 30 só un prezo simbólico, e este ano continuamos nesa liña". Neste aspecto, detallou que "os menores de 17 anos entrarán gratis grazas ao Centro Comercial As Cancelas, e as persoas de 17 a 30 pagarán tan só 15 euros. A novidade é que o ano pasado este precio só se aplicaba á grada de Preferencia e agora tamén á de Tribuna. O prezo está ligado ao Carné Xové e grazas tamén a Plexus. No caso de non ter o carné o precio sería de 70 euros. De 31 a 65 anos pagarían 150 euros e os maiores de 65 anos, uns 130".

Os prezos anteriores serían, eso sí, as bases para as altas, contando as persoas que vaian a renovar con importantes descontos. "Todas as renovacións terán un desconto do 20% sobre este prezo, polo que todos estes pagarán menos que o ano pasado. E a maiores, se pertences a unha peña que esté no rexistro oficial do clube, terás outro 5% de desconto".

Ademáis, contar co carné do Compos aportará outros beneficios: "Os abonados terán un 20% de desconto nas entradas durante toda a tempada a través da nova aplicación, que é compratuentrada.com, e haberá a opción de coller o abono físico que este ano irá ligado a unha camiseta conmemorativa da campaña por 10 euros. A outra novidade é que a reserva do asento vai ser obrigatoria, cando fagas o carné vas ter que marcar o asento. Teremos un control para que en partidos con moita demanda todo o mundo teña o seu sitio reservado. Evidentemente isto non terá un coste engadido, posto que é obrigatorio, e a xente que xa teña o seu reservado de tempadas anteriores xa o ten bloqueado para non perdelo", aclarou Miguel Fernández.

Tras facer o anuncio este xoves, a adquisión dos carnés comezará a próxima semana. "A campaña comeza oficialmente o luns dende as 09.00h da mañá por temas de loxística. Teñen que chegar as camisetas e os carnés para que todo funcione ao cen por cen. Poden facerse tanto nas oficinas do clube como na tenda ou vía online, sendo a recollida do carnet inmediata en caso de facelo presencial, e se se fai online, cando che cadre ir pola tenda ou oficina faise no momento. Senón, entrégase na taquilla do estadio no primeiro partido".

Sen fixar cifras concretas, o obxectivo da campaña será evidentemente aumentar a asistencia ao Vero Boquete, poñendo especial atención naqueles socios que non están acudindo con demasiada regularidade aos encontros. "Está claro que a media de asistencia aos partidos o ano pasado foi superior a outros anos, sendo deportivamente un ano con peores resultados. É certo que temos un número de abonados moi alto respecto á asistencia aos partidos, que quedou sobre as 1100 persoas de media. As razóns entendo que son moitas. Hai xente que se fai abonada todos os anos e non poden vir porque non viven aquí, por motivos profesionais, familiares, climatolóxicos, hai días que non apetece, moitos partidos son televisados... O que temos que intentar é que cada vez veña máis xente ao campo, porque unha chama a outra e iso ímolo conseguir. A base é gañar partidos, que o equipo contaxie e transmita. O que estamos facendo é un equipo que vai ter unha enerxía importante e agardamos que o transmita á grada, porque o importante é que cada domingo o campo sexa unha festa e canta máis xente veña, mellor", concluíu o director xeral do clube.