Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Polideportivo

Santiago aplaude ó seu deporte nunha emotiva gala

Destacouse o labor de Blanca Millán, Guillermo Carracedo, Cosme González ou as irmáns Paniagua

Premiados na Gala do Deporte de Santiago

Premiados na Gala do Deporte de Santiago / Jesús Prieto

Víctor Furelos

Víctor Furelos

Santiago

Os VIII Premios Santiago Deporte celebraron este martes na sala Mozart do Auditorio de Galicia a súa gran gala para entregar os galardóns desta edición, cos que se busca recoñecer publicamente as persoas, entidades, centros educativos e empresas que polo seu labor desenvolvido ao longo da tempada 2024/25 ou no ano 2025 contribuíron ao fomento da práctica de actividade física e o deporte entre a poboación de Compostela.

A gala foi presentada por Lorena Pose, quen deu paso a un monólogo de Federico Pérez antes da intervención da concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, encargada de pronunciar o discurso de benvida.

A concelleira abriu o acto entregando o recoñecemento a Luis Penido Team. O piloto santiagués proclamouse campión de Europa de Montaña na categoría Grupo 5, no FIA European Hillclimb Championship 2025, despois de subir ó podio nas dez probas do campionato nas que participou, o que contribuiu a que fose recoñecido como Deportista de Alto Nivel polo Consejo Superior de Deportes.

Chegou despois un dos momentos máis emotivos de toda a gala coa entrega dunha mención especial a título póstumo ó xornalista Emilio Navaza, quen foi xefe de Deportes de EL CORREO GALLEGO cunha gran adicación e rigor profesional que creou escola, prestando especial atención ó atletismo e ó olimpismo sendo autor de varias publicacións e ademáis o primeiro impulsor da Carreira Pedestre de Santiago que el mesmo propuxo dentro dos actos que celebraron o centenario do rotativo compostelán no ano 1978 e que se mantén no tempo. Recolleu o premio a súa filla, Raquel Navaza, de mans do actual xefe de Deportes de EL CORREO GALLEGO, Víctor Furelos, quen traballou ó mando do sempre recordado Emilio Navaza.

No primeiro bloque das entregas o protagonismo foi para o patrocinio deportivo de Ferrecal, representado no acto polo seu director xeral, Juan Francisco Vázquez Iglesias, como principal valedor do Triatlón Compostela e colaborador de varios clubes como Monbus Obradoiro, SD Compostela, Club Vía Láctea, Amio Sociedad Deportiva e outros. Entregou a medalla e o diploma o xornalista Manuel García Reigosa.

De seguido o subdirector de Nós Diario, Yuri Carrazoni, entregou o premio á Mellor Actividade ou Acción Social, que recaiu na Andaina Solidaria en favor da investigación Duchenne y Becker, promovida por Juanma Mata e o seu fillo Samuel, quen padece esa enfermidade. Os dous participan en competicións como a Carreira Pedestre de Santiago e varias probas do CorreSan, e organizan no Monte do Gozo unha carreira que destina a súa recadación á investigación de enfermidades raras, combinando deporte e acción social.

A amplia oferta deportiva do colexio Peleteiro, diversificada con instalaciones propias, incluíndo campo de fútbol, pabellón e piscina, e a súa participación varios anos nas fases finais do Campionato de España de Baloncesto, en colaboración co Obradoiro, e a súa presencia destacada en múltiples disciplinas, foi merecedora do premio entregado por Ramón Castro, de Onda Cero, ó director do centro educativo, Luis Peleteiro.

O primeiro bloque rematou coa distinción ó Club Waterpolo Santiago como entidade deportiva máis destacada. As súas victorias en todas as categorías e o subcampionato da Supercopa masculina absoluta chamaron a atención do xurado. Subiron ó escenario no seu nome o seu presidente, Luis Ferrer, e os deportistas Guillermo Carrillo e Victoria Landeira, quenes recolleron o premio de mans da concelleira Marta Abal.

Adestrador e xuiza

O segundo bloque foi o máis breve xa que abrangueu só dúas categorías. O premio correspondente a adestrador foi para Santi Valladares, todo un referente do fútbol sala despois de ser o primeiro internacional galego como xogador e, como adestrador en 2025 conquistou a Copa de España co Peñíscola, consolidando a súa traxectoria tanto na cancha como no banquillo. Entregoulle o galardón o concelleiro Gonzalo Muiños.

O premio adicado á arbitraxe entregouno o concelleiro Borja Verea a María José Barbazán, a primeira muller que ocupa o posto de delegada de Santiago do Comité Galego de Xuices de Atletismo, deporte que lle axudou moito a adaptarse á súa chegada a Santiago en idade adolescente desde Francia, en donde estiveron emigrados seus pais.

No último bloque concentráronse os galardóns individuais máis destacados, sen desmerecer ós anteriores. En deporte adaptado a mención foi para Marcelo Lusardi, skater compostelano de orixe arxentina que comezou a practicar skate ós 11 anos e perdeu a visión ós 18 por neuropatía óptica de Leber. A pesar diso, segue a destacar no seu deporte e en 2025 repitiu como embaixador da competición de skate adaptado do Marisquiño. Entregou o galardón a segunda tenente alcaldesa, Miriam Louzao.

Chegou despois o turno dunhas das maiores promesas do deporte compostelán. As irmáns Demeku e Debris Paniagua, que lograron prata e bronce no Campionato de España de campo a través, converteronse nas primeiras xemelgas españolas en competir nun Mundial de Cross, donde foron as mellores do equipo estatal, rematando nos postos 28 e 37 na categoría sub20 con só 17 anos. Ademáis, Debris conseguiu o bronce nos 2.000 obstáculos no Festival Olímpico de la Juventud Europeo, mentras que Demeku foi bronce nos 2.000 obstáculos no Campeonato Ibero sub18. Ambas completaron a temporada firmando o primeiro e segundo posto na Carreira Pedestre Popular de Santiago. A tenente alcaldesa, Maria Rozas, foi a encargada de entregarlle os trofeos.

No capítulo masculino o galardón foi para o ximnasta Cosme González despois de firmar unha tempada brillante ó proclamarse campión de España individual na categoría xuvenil, medalla de ouro que non fai máis que consolidalo como unha das promesas máis destacadas da rítmica galega. O delegado do reitor da USC para o deporte, Javier Rico, foi o encargado de entregarlle o premio.

Os mellores

Chegou o momento de que subiran ó escenario os mellores deportistas santiagueses do ano. O deputado provincial Antonio Leira entregou o premio a Guillermo Carracedo, destacado surfeiro especializado en SUP Olas e paddle surf. Foi campión de España de SUP Olas 2025 na categoría open en Malpica e representou a España no ISA World SUP & Paddleboard Championship 2025 no Salvador, conseguindo o 13º posto individual. Ademáis, foi campión de Europa absoluto de paddle surf en 2022, varias veces campión de España e subcampión do mundo coa selección española, consolidándose como unha das grandes figuras do paddle surf galego e internacional.

A continuación Mar Teijeiro, subdirectora xeral de Xestión Deportiva da Secretaría Xeral para o Deporte, entregou a medalla e o diploma a Blanca Millán, quen destacou na Liga Femenina de baloncesto (LF Endesa) na posición de escolta. Formouse nos Estados Unidos, xogando na Universidad de Maine entre 2016 e 2021, donde foi dúas veces mellor xogadora da conferencia America East e dúas veces mellor xogadora defensiva, sendo a única muller en acadar dúas veces cada premio. Despois da súa etapa universitaria, regresou a España e tras o seu paso polo Gran Canaria e o Ensino lucense fichou polo Baxi Ferrol, co que na tempada pasada logrou clasificarse para a EuroCup, finalizando subcampiona do torneo.

A gala rematou con outra entrega moi emotiva. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, antes de pechar a gala, foi a encargada de recoñecer toda unha traxectoria, a do matrimonio formado por Chuco Barreiro e Maruja Barral. El gañou o cariño da gran maioría de xogadores que pisaron o vestiario da SD Compostela durante más de trinta anos, nos que acompañou ó clube desde categorías rexionais ata Primeira División, traballando no manexo do material. É historia viva do clube e de seguro que é a persoa que garda na súa memoria un maior número de anécdotas. A súa muller incorporouse despois para encargarse das tareas de lavado e coidado da roupa e o material cando o equipo medrou, contribuíndo ó funcionamiento diario da SD Compostela.

Tracking Pixel Contents