SD Compostela
Compostela e Vilalbés empatan por terceira vez e decidirán o pase no Boquete
A esedé foi incapaz de adiantarse como visitante e a eliminatoria pasa por Santiago

O Compos foi incapaz de porse por diante en Vilalba. / Área 11
Repetiuse o empate no marcador, como xa acontecera nos dous partidos de liga. A SD Compostela levou a posesión, mais non conseguiu sacarlle proveito ante un Villabés con oficio. No prolongamento, cando máis empurraban os visitantes sobre a herba, Maceira mandou unha cabezada ao traveseiro. O encontro rematou como empezou, co 0-0.
O Racing Villalbés e o Compostela abrían a serie eliminatoria da fase de ascenso coa incógnita de saber até que punto o conxunto de Santiago chegaba tocado psicoloxicamente tras non acadar o ascenso directo. O partido comezou seguindo o guión previsto: o cadro compostelán quería a pelota e o da Terra Chá agardaba repregado, buscando saídas cara a uns espazos que non apareceron.
As mellores ocasións do primeiro acto producíronse durante o cuarto de hora inicial. Aos nove minutos, Parapar orientou o drible desde o bico da área, pero Álex Santomé desviou o xute a media altura. Pouco despois, un centro do ex do Racing Cañi foi cabeceado por Carlos e obrigou o meta local a volver mostrar o mellor de seu.
O Villalbés, sen profundidade ante un rival moi serio no posicionamento, puido adiantarse nunha condución de Anthony. O heroe da clasificación probou cun disparo desde 25 metros, pero Álex Cobo, o porteiro menos batido do grupo na liga regular, voou para evitar o gol pola escuadra.
O resto, até o descanso, deixou ver un Compostela tan comprometido coa pelota como desafortunado nas recepcións en zonas laterais de ataque. O segundo tempo foi semellante ao anterior. Juan Rodríguez modificou as bandas superado o segundo terzo de xogo e Secho Martínez respondeu do mesmo xeito para o derradeiro cuarto.
Na primeira fiestra de cambios utilizada polos visitantes entraron Adrián e Maceira, o seu goleador. O do Barbanza quedou na dereita, e Antón e Parapar permutaron posicións. Nese contexto, continuísta no debuxo, o Compostela acentuou algo máis os ataques pola dereita. Desde ese lado partiu un centro para a cabeza de Maceira, pero o ariete mandou a pelota moi por riba do traveseiro. Era o minuto 72.
As ocasións foron escasas. Ao cadro chairego custáballe progresar por non ter boa distancia entre liñas para sorprender á contra, e o Compostela, querendo elaborar demasiado, vía como o seu fútbol esmorecía contra o muro de tres centrais que protexían a Álex Santomé.
Secho Martínez non quixo perder o control do balón, mais procurou un perfil máis conservador coa entrada de Aarón Martínez. O partido puido decantarse cara ao lado santiagués no prolongamento, cando Maceira estirou o pescozo para conectar unha cabezada branda que acabou botando na parte superior do traveseiro.
O encontro rematou sen goles logo de oito minutos de prolongamento. O vencedor sairá do choque en Santiago, no que o Compostela terá a vantaxe da súa mellor clasificación se a eliminatoria continúa igualada tras a prórroga.
- Buscan figurantes en Santiago para la nueva película de Vaca Films: estos son los requisitos
- De las aulas de Santiago a la graduación en Michigan: la historia de éxito de Carlota Garabato en Estados Unidos
- El legendario París-Dakar revive en Fontiñas: así es la versión del barrio compostelano
- La panadería de Santiago que triunfa con su café con flores: 'Estamos vendiendo más flores que pan
- Boiro atesora los restos de un templo de hace catorce siglos, uno de los más antiguos de Galicia
- Sorpresa en Noia: un tendal de setenta metros sobre la ría
- La USC sitúa a tres investigadores entre los jóvenes más destacados de Galicia por sus avances en energía, obesidad y turismo
- La SD Compostela logra la ansiada remontada contra el Atlético Arteixo tras sufrir en la prórroga