Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A lingua das cousas fermosas

    A ÚLTIMA habitación da nosa casa era un caixón de xastre no que se distinguía un piano Yamaha. Alí gardábase todo o importante, como xogos de mesa, libros e enciclopedias ás que recorriamos cando xurdía un debate sobre a capital dalgún país ou a taxonomía dalgún animal. Tamén era escenario de liortas á hora de facer uso dun aparello de son, flamante para aquela época. As miñas irmás reproducían unha e outra vez as cintas de Roxette mentres que eu só quería escoitar un vinilo que narraba con voz roufeña o conto de Barba Azul.

    Naquel habitáculo almacenabamos un estoxo de polipiel marrón, estragado polo uso e cuxos cantos languidecían ao paso do tempo. No seu interior dispoñíanse os 16 trebellos que cada xogador dirixe no xadrez. 32 figuras de aceiro, aluminio e titanio que destacaban pola súa beleza e o seu manierista acabado. A caixa durmía sobre un gran taboleiro de madeira no que se debuxaban 64 casas. O papá utilizábao para xogar ás damas. Eu, un petís, apenas sabía que o cabalo se movía en L. Os preciosos peóns, alfís, torres, damas e reis eran máis obxectos de colección que implementos deportivos ou as fichas dun xogo.

    Foi en tempos de Afonso X O Sabio cando as pezas do xadrez tomaron esa forma medieval que tanto nos fascina. E non foi produto da casualidade. Con máis desgraza que fortuna, o de Castela aspirou media vida ao trono do Sacro Imperio Romano Xermánico. Facíao para crear un imperio mediterráneo e conquistar Terra Santa, outra das súas fixacións. Mentres vixiaba cun ollo o Fecho do Imperio, co outro convertíase nun dos mecenas máis importantes da nosa historia. A prolífica obra desenvolvida por cristiáns, xudeus e musulmáns na Escola de Tradutores de Toledo configurou un crisol de culturas que contribuíu a que a tradición clásica chegase máis e mellor a Occidente e fixo desembocar ao castelán no porto das linguas cultas.

    Dentro deste labor ecuménico houbo un oco para o xadrez, un xogo milenario que chegou ás nosas mans polo legado árabe e que o monarca utilizaba ata para elixir os conselleiros. En 1282, no Campionato Informal de Sevilla, unha vintena de xogadores proporcionaron ao rei 84 libros de teoría xadrecística. Un ano despois pechábase o Libro dos xogos, de valor incalculable. Para a súa produción recreativa, histórica e científica, O Sabio usaba o castelán. Para dicir cousas fermosas -para a lírica- reservaba o galaicoportugués. Os 427 poemas que forman as Cantigas de Santa María valéronlle o respecto e a admiración de todo o pobo galego que, en recoñecemento dedicoulle o seu día máis importante, o das súas letras. Afonso X conseguiu que o galego perdurase ata os nosos días. Rosalía arrincouno do ostracismo seis séculos despois.

    O domingo cúmprense 157 anos da publicación da obra cumio da nosa musa, pero tamén catro décadas da homenaxe que Galicia lle rendeu ao principal mecenas europeo do xadrez. Cinco anos despois, a federación de xadrez suspendía a final do seu mundial polo esgotamento de dous rusos que levaban enfrontándose máis de 6 meses sen atopar gañador. Pero iso xa é outra historia.

    13 may 2020 / 21:55
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.